Carlos Negreira visita as obras de instalación do ascensor que unirá Capitán Troncoso con Xeneral Alesón

O alcalde da Coruña na visita á rúa Capitán Troncoso
O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, visitou esta mañá a rúa Capitán Troncoso con motivo do inicio das obras para a instalación dun ascensor que unirá a devandita vía con Xeneral Alesón. Trátase dun proxecto enmarcado no concurso de ideas para mellorar a mobilidade peonil en varios puntos singulares da cidade e que permitirá “un modo de accesibilidade á Cidade Vella distinto ao que tiñamos a través da escalinata de Porta de Aires, que era moi limitado para moitas persoas”, destacou Carlos Negreira.
As obras, cun prazo de execución de 5 meses, e un investimento de 401.417 euros, salvarán o desnivel actual entre ambas as dúas rúas, de máis de 10 metros, a través dun elevador panorámico situado dentro do propio muro situado entre as dúas vías, de modo que nin se reducirá o ancho de rúa nin se obstaculizarán as vistas de vivendas próximas: “Esta obra permitirá salvar o desnivel existente e conectar de forma máis doada dúas zonas que están separadas por 10 metros de altura”, asegurou o alcalde.
Tal e como explicou, na parte da rúa Troncoso formúlase unha sala abovedada que serve de espera e resgardo, mentres que na rúa General Alesón haberá unha pequena construción de vidro curvo emerxendo da terra, á vez que proxecta luz á cota inferior: “O ascensor irá perfectamente integrado para non estragar as vistas e coidáronse os materiais para que non haxa ningún elemento que cause distorsión”. O ascensor será de uso diúrno, “aínda que o horario se adaptará en función das necesidades”, matizou o alcalde.
Con esta iniciativa o Goberno local volve resolver un problema de accesibilidade na cidade creando un acceso cómodo e directo para os peóns como alternativa á escalinata de Porta de Aires. Carlos Negreira recordou que a mellora da accesibilidade é “unha loita do Concello” e que esta actuación se suma aos traballos que se están a desenvolver para a instalación dun ascensor en Ramón Cabanillas ou dunhas escaleiras mecánicas en Mestre Clavé -ambas as dúas dentro deste mesmo concurso de ideas-. “Esta aposta, que foi unha medida pioneira e que algúns poñían en dúbida, está a ter unha demanda crecente. A Coruña está a marcar a pauta en temas de accesibilidade”, subliñou o alcalde quen tamén se referiu a outras iniciativas como as 565 pequenas actuacións de mellora de accesibilidade nos barrios da cidade ou as axudas para a instalación de ascensores das que se beneficiaron xa unhas 4.000 familias, “medidas polas que seguiremos apostando”, finalizou.











