publicidade hoxe

Carlos Negreira preside a Comisión Executiva do Eixo Atlántico

Comisión Executiva do Eixo Atlántico

Comisión Executiva do Eixo Atlántico

O alcalde da Coruña e presidente do Eixo Atlántico, Carlos Negreira, participou na reunión da Comisión Executiva desta entidade, que tivo lugar, esta mañá, no Barco de Valdeorras, e onde se aprobou o balance de xestión e o informe económico do exercicio pasado. Ademais, deuse o visto e prace ao presuposto para 2015, que ascende aos 2,6 millóns de euros, e ao programa do ano, que se someterá á Asemblea Xeral, o próximo 19 de febreiro, na Coruña. Preto do 80% do presuposto da entidade transfronteiriza xérase con recursos externos captados, principalmente, en proxectos europeos.

Así mesmo, a Executiva aprobou que Matosinhos e Vila Real compartan a Capital da Cultura do Eixo Atlántico no ano 2016. O Eixo Atlántico tamén apoiou os camiños de Santiago portugueses e o Camiño de Inverno que O Barco de Valdeorras promove.

NOVAS INCORPORACIÓNS

2015 supón unha nova etapa para o Eixo Atlántico ao incrementar o seu número de socios a 38, coa incorporación das cidades portuguesas de Maia e Santa Maria da Feira e, por primeira vez, dúas Deputacións Galegas, a da Coruña e a de Lugo. Con estas incorporacións, o Eixo Atlántico convértese, non só nunha das maiores entidades transfronteirizas de Europa en canto a número de asociados, senón tamén, no sistema urbano transfronteirizo organizado máis dinámico de Europa.

Maia é un dos grandes núcleos urbanos e industriais da área metropolitana de Porto, con máis de 100.000 habitantes. No caso de Santa Maia da Feira, trátase da última cidade da rexión norte de Portugal e pertence ao distrito de Aveiro, o que posibilitará desenvolver áreas estratéxicas tales como a saída do eixe europeo de mercadorías Aveiro-Salamanca. Por último, a incorporación das deputacións galegas constitúe un salto cualitativo, xa que a través delas se incorporarán ao Eixo Atlántico áreas de influencia das grandes cidades cun forte impacto económico e poboacional, en ambas as dúas direccións.

A poboación de referencia entre as cidades membros e as súas áreas de influencia rolda os 7 millóns de habitantes, o que converte o Eixo Atlántico na terceira área urbana da Península Ibérica, por detrás de Madrid e Barcelona e por diante de Lisboa e nunha das dez principais áreas urbanas de Europa.

AXENDA URBANA

2015 marcará o inicio da elaboración da Axenda Urbana do Eixo Atlántico, proceso que previsiblemente se estenderá ata 2017 e que configura unha das actuacións máis relevantes do Eixo Atlántico. A Axenda Urbana supoñerá a elaboración e debate coa sociedade da estratexia que deben seguir as cidades da eurorregión durante a próxima década, para consolidar a saída da crise e a recuperación económica, proceso que se inserirá na elaboración da Axenda Urbana Europea que impulsa a Comisión Europea.

20 de xaneiro de 2015 | 19:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.