Carlos Negreira presenta en Málaga a exposición ‘El primer Picasso. A Coruña 2015’

Carlos Negreira en Málaga
O alcalde coruñés, Carlos Negreira, presentou hoxe en Málaga a exposición El primer Picasso. A Coruña 2015, coa que colaborarán tres museos da citada cidade. Negreira comezou a xornada visitando o Museo Picasso Málaga, onde foi recibido polo seu director, José Lebrero. Tras un percorrido pola citada pinacoteca, dirixiuse ao Concello de Málaga, onde exerceu de anfitrión o alcalde, Francisco de la Torre Prados. Por último, o rexedor coruñés visitou, en compañía do seu director José María Luna, a Fundación Picasso. Museo Casa Natal, de titularidade municipal.
Nunha rolda de prensa realizada no Salón dos Espellos do Concello da cidade andaluza, Negreira destacou que “Málaga é un exemplo para A Coruña” no relativo á promoción da figura de Picasso. O alcalde recordou que esta cidade comezou abrindo como museo a casa natal do pintor hai case 27 anos -cumpriranse o próximo mes-, e que aquilo foi o inicio dunha “revolución cultural e turística”. Negreira recordou que hoxe a cidade conta ademais cun Museo Picasso, un Museo Carmen Thyseen e, en breve, con senllas delegacións do Centro Pompidou e do Museo Estatal de Arte Rusa.
“Málaga converteuse nun referente cultural a nivel español e mundial grazas a Picasso, unha marca que logrou multiplicar o turismo”, sinalou o alcalde. “Por iso -continuou- temos que aprender do feito en Málaga”, remarcou Negreira, quen insistiu no seu día da necesidade de que “A Coruña deixe de ser o vértice perdido de Picasso en España”, en relación a que tanto Barcelona coma a cidade malagueña xa se converteron en referentes picassianos.
Na súa intervención, o alcalde recordou que Picasso “empezou a debuxar e a pintar en Málaga”, pero que foi na Coruña onde se converteu “nun auténtico artista”. Mandástenos un neno e, tres anos e medio despois, devolvémosvos un pintor”, resaltou ante o seu homólogo Francisco de la Torre Prados. Por último, Negreira agradeceu a “gran colaboración dos museos malagueños” coa exposición coruñesa. Este apoio concrétase na cesión de sete obras de arte, todas de Picasso. Pola súa banda, o alcalde de Málaga cualificou El primer Picasso. A Coruña 2015 como un “fito cultura en España”.
A Fundación Picasso. Museo Casa Natal prestará temporalmente catro litografías: Cabeza de rapaz (autorretrato evocativo) (1945), Fauno sorrindo (1948), Pomba e o seu boneco, fondo branco (1952) e O xogo do touro (1954). Entre as pezas destaca o autorretrato de 1945, no que o artista se debuxa como cando era neno. O alcalde coruñés recordou que esta cesión de pezas se enmarca dentro do convenio de colaboración que a Casa Picasso da Coruña e a Casa Natal de Málaga asinaron a finais do 2013.
Pola súa banda, o Museo Picasso Málaga prestará un óleo sobre lenzo e un debuxo, os dous realizados polo pintor na Coruña. O óleo é Retrato dun home barbudo, unha das grandes obras de Picasso en 1895, cando tiña 13 anos. O debuxo é Estudo dobre do ollo esquerdo (estudo académico), un traballo que realizou na Escola de Belas Artes da Coruña durante o curso 1892-1893.
As cesións realizadas polas institucións malagueñas complétanse con Parella de anciáns, un óleo sobre táboa de temática costumista que o artista realizou en 1895 e regalou á súa prima andaluza Aurelia. A obra a custodia actualmente o Museo de Málaga, que é o que formalizou o préstamo.
A exposición El primer Picasso. A Coruña 2015, promovida polo Concello da Coruña, está organizada polo Concello, o Museo de Belas Artes, a Consellería de Cultura e a Fundación Emalcsa. Contará con máis de 200 pezas, unhas 70 realizadas por Picasso. Con esta mostra conmemorarase o 120 aniversario da primeira mostra individual do pintor, realizada en febreiro de 1895 nun local comercial da rúa Real coruñesa. A mostra é o eixe central do evento A Coruña 2015. 120 anos despois, declarado como Acontecemento de Excepcional Interese Público polo Goberno de España.











