Carballo solicita á Deputación que mellore a seguridade viaria e a sinalización da Avenida da Milagrosa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballo
A-
A+

O Concello de Carballo vén de remitirlle un escrito á Deputación da Coruña no que lle solicita ao organismo provincial que mellore a seguridade viaria na estrada CP-1906 ao seu paso pola Avenida da Milagrosa. Así, a administración local expón que, segundo os informes da Policía Local, nos últimos meses a vila vén sufrindo un incremento das incidencias de tráfico no ámbito urbano, nomeadamente en travesías de titularidade provincial, como é o caso da CP-1906 (Fisterra-Campo da Feira).

A Avenida da Milagrosa é a día de hoxe unha rúa urbana, aínda que o seu trazado e a súa catalogación a clasifican como vía provincial. O Concello sinala que, ademais, é unha rúa que configura un dos eixes comerciais con máis movemento no casco urbano, como é o da Milagrosa, que cada 2º, 4º e 5º domingo de mes alberga unha concorrida feira. Así mesmo, é o punto de conexión entre a circulación que se achega dende a estrada de Fisterra en dirección a Santiago e Ordes, o que fai que soporte unha alta densidade de tráfico lixeiro e pesado, que convive co tráfico local e cos peóns que empregan os servizos da contorna, como son a Igrexa, o Fórum, o comercio local, as entidades bancarias, etc.

Por todo o anterior, e segundo informes da Policía Local, o Concello considera “urxente” a mellora da sinalización horizontal e vertical, así como que se adopten medidas para calmar o tránsito coa colocación de pasos de peóns elevados. Así, téñense detectado excesivos casos de circulación moi por riba do límite da vía de 50 km/h. Así mesmo, o Concello sinala que hai outra vía provincial situada no casco urbano que presenta problemas de tránsito, como é o caso da CP-1914 que discorre polas rúas Sol e Martín Herrera. O Concello xa lle ten solicitado á Deputación o traslado da titularidade desta vía para a súa posterior urbanización co obxectivo de mudar o que hoxe é unha estrada por unha rúa máis acorde co centro urbano.

Por último, hai que lembrar que recentemente o Concello tenlle solicitado tamén ao organismo provincial a colocación de varios pasos de peóns elevados na estrada CP-1902 entre Carballo e Razo ao seu paso pola parroquia de Oza, en concreto, nos lugares de As Encrucilladas e As Torres, co obxectivo de reducir a alta siniestralidade viaria que se produce nese tramo.

20 de xaneiro de 2015 | 18:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.