Carballo rehabilitará a Zona escolar e deportiva do Chorís con novos servizos, beirarrúas e unha pista deportiva
A sesión plenaria ordinaria do pleno de xaneiro inclúe entre os asuntos da orde do día a aprobación do Plan de Aforro e Investimentos (PAI) da Deputación da Coruña que supón para Carballo unha achega de 510.509,12 euros. Desta cantidade, as administracións locais deben destinar unha porcentaxe á redución da débeda municipal, que no caso de Carballo, dado o seu baixo nivel de endebedamento, sería de 43.903,78 euros. Os 466.605,34 euros restantes destinaranse á reurbanización da contorna do IES Alfredo Brañas, do complexo deportivo Vila de Noia e do CEIP Fogar no barrio do Chorís.
A actuación consistirá no reacondicionamento das beirarrúas e na actualización dos servizos, incluíndo o saneamento e abastecemento de auga, e os servizos de gas e da rede eléctrica. Regularanse os aparcadoiros, coa súa redistribución, xa que pasarán a estar en batería; e co seu acondicionamento, xa que realizaranse con céspede portante. Crearanse novas áreas de estacionamento, co acondicionamento da que xa está en uso no solar municipal onde se sitúan os depósitos de auga; e, despois do acordo cos propietarios, con outra nova área de aparcadoiros na rúa Vila de Coristanco, preto do CEIP Fogar. Habilitarase unha glorieta para regular a circulación na confluencia das rúas Avenida de Bergantiños e Vila de Corcubión. Plantaranse un total de 34 árbores e crearase unha pista perimetral de 1,5 metros de ancho arredor de toda a mazá para a práctica deportiva cun firme especialmente deseñado para correr e camiñar.
Por último, crearase un novo portalón de acceso ao CEIP Fogar para facilitar a entrada do camión anti incendios. O goberno local considera prioritaria a humanización desta área xa que, aínda que non está situada no centro da vila, conta de cotío cunha elevada afluencia de veciños e veciñas. Así, tan só sumando o alumnado do instituto, o colexio e a escola infantil situada na contorna, ata 1.500 alumnos e alumnas pasan pola zona a diario. Ademais, a Piscina Vila de Noia rexistra arredor de 100.000 usos ao ano, sen contar o público e os deportistas que empregan a miúdo o Pavillón Vila de Noia. O proxecto foi elaborado polos traballadores da Oficina Técnica Municipal para aforrar custes. Con esta actuación, o goberno carballés continúa avanzando no seu proxecto de mobilidade para o casco urbano carballés, favorecendo a recuperación de espazos para os peóns e diversificando os proxectos para mellorar os distintos barrios da vila.
Outros dos asuntos de peso da orde do día é a modificación do prego de condicións e a aprobación do Contrato de xestión de servizo público por procedemento aberto con varios criterios de adxudicación, baixo a modalidade de concesión, que ten por obxecto o “Ciclo integral da auga no Concello de Carballo”. Así, despois de que o primeiro proceso para licitar o servizo da auga fose suspendido ao admitir parcialmente o Tribunal Administrativo Central de Recursos Contractuais un recurso presentado por Viaqua contra o proceso de adxudicación, o pleno debe ratificar a reapertura dun novo proceso cun novo prazo de presentación de proposicións de 30 días naturais. Hai que lembrar que o pleno debe ratificar coa maioría absoluta dos seus membros a aprobación do contrato debido á súa elevada contía, xa que ten un custe total por todo o período do servizo próximo aos 58.600.000 euros.
Recoñecemento extraxudicial de crédito de 34.000 euros
A orde do día inclúe a aprobación dun Recoñecemento extraxudicial de crédito no que se recollen as facturas de 2014 que non se abonaron no mesmo exercicio. Recóllense, así mesmo, algunhas facturas presentadas nos primeiros días de 2015. O importe total ascende a 34.987,58 euros, a cifra máis baixa dos últimos anos. Dentro deste acordo tamén se reflicte a liquidación co Consorcio Galego de Igualdade e Benestar correspondente coa Escola Infantil A Braña por un importe de 125.565,93 euros. O punto cinco da orde do día propón a modificación do texto refundido da Ordenanza Xeral sobre circulación e utilización das vías públicas para adaptar o cadro sancionador da Zona Azul á normativa da Dirección Xeral de Tráfico. No apartado de mocións, TEGA presenta unha na que solicita que o Concello revise a Ordenanza Municipal reguladora da limpeza, salubridade e hixiene no relativo á tenencia de animais domésticos, con especial fincapé no que se refire a galiñas, polos, cans, etc. TEGA xustifica a petición debido á reclamación de varios veciños e veciñas da rúa Cristina, que consideran que un veciño non realiza un uso dos animais compatible coas normas urbanísticas.
Entre os asuntos de trámite, a sesión recolle a adhesión provisional de Carballo ao futuro ente de xestión turística da Costa da Morte, o CMAT; e a anulación do acordo de aprobación definitiva do estudo detalle na Avenida de Bértoa para a construción dun novo supermercado Lidl, atendendo o requirimento da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio da Xunta. Os interesados e interesadas poden descargar nesta mesma nova sendos planos do novo proxecto para reurbanizar o barrio do Chorís.











