Carballo dá luz verde para o contrato de obras de sobreanchos e reparación da capa de rodadura en varios camiños de Berdillo, Sofán e Rus

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballo
A-
A+

A Xunta de Goberno Local, reunida en sesión ordinaria, vén de aprobar o expediente de contratación para as obras de “Sobreanchos e reparación da capa de rodadura en varios camiños das parroquias de Berdillo, Sofán (na imaxe) e Rus no Concello de Carballo”. O prezo de licitación é de 182.939,90 euros e entre os criterios de adxudicación terase en conta a oferta económica (cun máximo de 40 puntos), así como o programa de traballo, o programa de actuación medioambiental -incluíndo o plan de control de calidade e o esquema do plan de seguridade e saúde-, ou a proposta de redución de prazos de execución como criterio de carácter específico.

Este proxecto está cofinanciado con cargo aos fondos Feader (Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural) da Unión Europea, que perseguen mellorar a competitividade da agricultura e a silvicultura; o medio e a paisaxe; e a calidade de vida nas zonas rurais, así como a promoción da diversificación da economía rural. No apartado de contratación tamén saíu adiante o expediente para o contrato administrativo de servizos de “Asesoría xurídica do Centro de Información á Muller de Carballo”; así como o contrato administrativo de servizos de “Vixilancia da Unidade Asistencial de Drogodependencias de Carballo” (UAD). Entre os asuntos de trámite recibiu luz verde o cambio de vehículo dunha licenza de taxi e tamén se aprobaron dúas licenzas de obra, unha para a nivelación de dúas parcelas na parroquia de Oza; e outra para a prórroga para unha licenza de parcelación para un terreo situado na rúa Cervantes.

26 de xaneiro de 2015 | 18:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.