Carballo conta cunha nova casa de acollida para mulleres, o Fogar Dona Basilisa
Carballo conta dende o sábado 17 de xaneiro cun novo servizo de acollida para mulleres, o Fogar Dona Basilisa, que abre as súas portas despois dun dilatado período de obras e trámites burocráticos. As instalacións, situadas no barrio da Milagrosa, terán como principal función ofrecer acubillo a aquelas mulleres que vaian dar a luz e non teñan onde ir, que decidan non abortar, ou tamén para aquelas que xa teñan fillos e que soliciten axuda. A vivenda conta cun total de sete prazas, unha delas reservada para mulleres con diversidade funcional, e está completamente equipada, mesmo con berces para os bebés. O espazo recibe o nome de Fogar Dona Basilisa debido á muller que cedeu os inmobles que, despois dunha adaptación e reforma, acollen agora o servizo.
O orzamento dos traballos foi de 233.732 euros e as instalacións serán xestionadas por Cáritas Diocesana de Santiago, xa que a vivenda será para axudar non só a mulleres de Carballo, senón de toda a contorna. O encargado de presidir o acto de inauguración foi o Arcebispo de Santiago de Compostela, Julián Barrio Barrio, que estivo acompañado polo Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e polo cura párroco Don José García Gondar, ademais de por numerosos membros da corporación, rexedores de vilas da comarca de Bergantiños, como Malpica, Ponteceso ou A Laracha, ou representantes de Cáritas e da parroquia.
No peche do acto, Ferrero quixo subliñar que “as grandes obras non son as que custan máis diñeiro, senón aquelas que fan á xente máis feliz” e quixo agradecer o labor da parroquia por poñer en marcha servizos que redundan no beneficio de todos os carballeses e carballesas. Julián Barrio destacou nas súas verbas que, aínda que o sábado foi un “día de inverno” debido ás condicións climatolóxicas, en realidade, para a comunidade parroquial de Carballo e para toda a bisbarra de Bergantiños foi “un día primaveral”, xa que esperan “novos días de sol nos que todos estamos chamados a ir creando unha sociedade máis humana e máis fraterna”.
Finalizou a súa intervención dicindo que sempre haberá “unha nai para cen fillos” e espera que Cáritas Diocesana sexa esa nai que non se cansa de selo para tantos e tantos fillos e fillas como hai na diócese. Posteriormente, o Director de Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela, José Anuncio Mouriño, dirixiuse a todos os presentes agradecendo a Don José García Gondar por levar adiante tantos proxectos de Cáritas que supoñen un beneficio para un gran número de persoas. Valorou tamén o labor que se vén realizando por parte de todos os voluntarios e voluntarias, unha entrega ao servizo dos máis necesitados para dar ilusión e ganas de vivir. Por último, destacou tamén o labor social do Fogar Dona Basilisa, unha casa de acollida non só para aquelas mulleres que non queren abortar, senón tamén para as familias monoparentais, nais con nenos menores de tres anos que se encontran soas e abandonadas. “Nesta casa van ter -afirmou- un sitio onde se lles acolla, se lles escoite e acompañe”.
Unha vez rematadas as intervencións na Capela da Milagrosa, fíxose o percorrido pola casa de acollida Fogar Dona Basilisa, situada nas súas inmediacións. Finalmente, todos os participantes se desprazaron ata o complexo parroquial para coñecer a tenda solidaria, o banco de alimentos, o comedor social, as aulas onde se desenvolven clases de apoio, así como a vivenda de acollida temporal e o albergue de transeúntes, as novas oficinas de Cáritas, etc.











