publicidade hoxe

Cándido Pazó achega o seu “decamerón” a Redondela

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioRedondela
A-
A+

O Servizo de Normalización Lingüística organiza a representación do monólogo teatral de Cándido Pazó, “Decamerón. Historias para tempos ruíns”.

Este espectáculo, xunto cos monólogos do vindeiro sábado 7 de febreiro (“Os contos de Joselín”), forma parte da programación trimestral do SNL no ámbito cultural, e vén complementar o festival de monólogos, Lareta, que se celebrou en Chapela no outono.

O obxectivo fundamental é achegar creacións escénicas en lingua galega de calidade, onde a lingua oral se transmite con toda a súa potencialidade. As dúas funcións que se ofrecen agora están cofinanciadas pola AGADIC a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios.

O Decamerone, o libro de contos escrito no s. XIV por Giovanni Boccaccio, é un dos fitos narrativos da literatura europea e unha das lecturas máis celebradas ao longo dos séculos. Os contos rebordan humor, sentido gozoso da vida e erotismo, un facho de luz que anuncia o Renacemento e que rompe co tenebrismo medieval.

Nesta versión que nos presenta Cándido Pazó están adaptados unha presa de contos do orixinal, os máis divertidos e mordaces, aos que lles tira máis proveito metafórico en relación coa actualidade. Nos contos de Boccaccio, uns mozos que foxen da peste bubónica atopan refuxio nunha quinta campestre e comezan a se contar historias. A reinterpretación de Pazó achégase máis á “peste económica”, o andazo de hoxe, do que non podemos fuxir pero que o teatro nos axudará a levar dun xeito máis divertido e reconfortante.

A representación celebrarase o sábado 31 de xaneiro, ás 20.00 h, no Centro Recreativo de Redondela. As entradas poranse á venda dende o xoves no multiúsos da Xunqueira, e o sábado no propio Centro Recreativo, cun prezo de 5 € (3 € para persoas xubiladas e estudantes).

 

29 de xaneiro de 2015 | 13:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.