Cambre inaugura unha nova sede de Cruz Vermella na Barcala

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaCambreLocal Portada
A-
A+
Inauguración da sede de Cruz Vermella

Inauguración da sede de Cruz Vermella

O Alcalde de Cambre, Manuel Rivas, o presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, e o presidente provincial de Cruz Vermella, Alfonso García López, inauguraron hoxe a nova sede de Cruz Vermella na Barcala. Plásmase así un proxecto que arrancou en 2012 coa cesión á entidade social do local municipal situado na Praza Amador e Daniel, número 24 e a súa posterior reforma grazas a unha subvención da Deputación Provincial da Coruña de 45.000 euros, complementada con 15.000 euros que achegou a administración municipal. A nova instalación, de máis de 150 metros cadrados, conta cunha oficina, almacén e aseos, e destinarase ao desenvolvemento dos proxectos sociais que Cruz Vermella desenvolve en favor das persoas máis vulnerables.

Segundo o alcalde, Manuel Rivas, a consecución deste proxecto é un gran paso para ampliar os recursos sociais no municipio. “Quero agradecer profundamente o empeño de Cruz Vermella en instalarse en Cambre e na súa decidida aposta por ampliar os seus programas sociais de asistencia á poboación máis desfavorecida. Nunca poderemos agradecer suficientemente o papel dos voluntarios desta e doutras entidades que de forma altruísta traballan para mellorar a vida dos demais”, apuntou o mandatario cambrés. Por outro lado, Rivas destacou o esforzo da Deputación da Coruña e do seu presidente en particular, que apoiou este proxecto dende o seu inicio e que “sempre que Cambre o necesita el está aí”, destacou Rivas.

Pola súa banda, Diego Calvo, tamén se mostrou agradecido, tanto co alcalde, porque “está a sacar adiante importantes proxectos para o municipio”, como con Cruz Vermella polo labor que desenvolven cos máis desfavorecidos. “Sen asociacións como a vosa, as administracións públicas non poderiamos chegar a todos os que o necesitan”, afirmou o titular provincial.

Nesta mesma liña, Alfonso García López, presidente provincial, agradeceu o esforzo tanto da Deputación coma do Concello de Cambre para conseguir este proxecto: “Nun momento de crise como o que vivimos, é vital que as institucións apoien os proxectos que teñen como obxectivo que ningunha persoa quede á marxe”. O presidente concluíu a súa intervención facendo un chamamento aos cidadáns de Cambre para que colaboren como voluntarios nos diferentes proxectos da organización, pois o voluntariado é unha das pezas clave do seu traballo.

Proxectos de Cruz Vermella en Cambre

Cruz Vermella traballa para garantir os dereitos das persoas máis vulnerables, a través de proxectos que desenvolve en función da necesidade de cada zona. En Cambre, está previsto que Cruz Vermella reforce a atención ás persoas maiores mediante o servizo de teleasistencia, que garante que poidan permanecer no seu domicilio, mantendo a súa independencia e a súa tranquilidade xa que dispoñen de asistencia telefónica as 24 horas do día. Na actualidade, a nova sede pasará a xestionar 40 usuarios de teleasistencia, aos que se sumarán os novos veciños que adquiran o servizo.

Tamén se desenvolverán proxectos destinados a protexer os dereitos da infancia, así como axudas destinadas a atallar a pobreza das persoas máis vulnerables e campañas específicas de sensibilización á cidadanía, sobre cuestións como a prevención da violencia de xénero, primeiros auxilios ou medio.

A oficina abrirá as súas portas ao público o xoves 22 e contará cun equipo técnico ao que se espera que se sumen voluntarios proximamente. O horario de atención ao público é de luns a venres de 9:30 a 14:30 e os luns e mércores de 16 a 19 h; poderase contactar coa sede a través do teléfono 981661708 e do email cambre@cruzroja.es.

20 de xaneiro de 2015 | 13:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.