Caión preséntase en Fitur como “A porta da Costa da Morte”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+
Presentación de Caión en Fitur

Presentación de Caión en Fitur

O Concello da Laracha foi hoxe protagonista no stand de Galicia do salón da Feira Internacional de Turismo (Fitur) que se está a celebrar nas instalacións do IFEMA, en Madrid.

Esta mañá realizouse a presentación titulada “Caión, puerta de la Costa da Morte”, na que se fixo un percorrido por todas as oportunidades turísticas que ofrece o noso municipio, centrándoas na localidade costeira que marca o inicio do xeodestino Costa da Morte.

Pedro Tasende, representante da empresa que realizou os proxectos Mar de Caión e Descubre o mar –ambos con financiamento dos Grupos de Acción Costeira-, foi o encargado de dirixir a presentación das imaxes e do vídeo promocional no que se destacaron as fermosas paisaxes e os completos servizos que ofrece ao visitante a vila de Caión. Ademais da praia –con bandeira azul- e o paseo marítimo –tamén co recoñecemento de sendeiro azul-, destacouse a oferta gastronómica de calidade que se ofrece nos locais integrados na rede de hostaleiros, a existencia dun porto equipado para o amarre de embarcacións deportivas e de recreo e a posibilidade de practicar diversos deportes náuticos.

Tamén houbo tempo para poñer en valor os museos do Arquivo da Pesca de Caión e do Centro de Interpretación dos Muíños de Auga da Costa da Morte de Golmar, as celebracións que contan co recoñecemento de Festa de Interese Turístico (a Romaría dos Milagres de Caión e a Feira das Cereixas de Paiosaco) e para facer referencia á importancia histórica do municipio, poñendo como exemplo o mosteiro de San Pedro de Soandres.

Trala intervención de Nava Castro, Directora Xeral de Turismo, o alcalde, José Manuel López Varela, pechou a presentación referíndose á “enorme responsabilidade” que ten o Concello da Laracha, pola súa posición xeográfica, “de dar a benvida á maioría das persoas que visitan a comarca de Bergantiños e a Costa da Morte”. O rexedor municipal salientou que “o noso gran logro foi saber integrar a oferta turística nos medios urbanos, facéndoos atractivos para os visitantes, pero tamén funcionais e cómodos para os veciños”. Como exemplo, citou as ampliacións do paseo marítimo e do porto de Caión, a renovación do Rueiro das Figueiras e do barrio de San Roque, a creación dos paseos fluviais do Anllóns e do Vilán e tamén as actuacións que se desenvolven no recinto feiral de Paiosaco.

López Varela, non sen antes agradecer á Xunta e a Turgalicia a posibilidade de estar presentes no stand de Galicia de Fitur, animou a visitar o Concello da Laracha para disfrutar “do mundo por descubrir que se ofrece ao turista desde as verdes terras do Anllóns ata os maxestuosos cantís de Caión”.

29 de xaneiro de 2015 | 18:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.