“Café-bar Santos peluquería” será a primeira estrea virtual do Chanfaina Lab
Menos dunha semana despois da estrea na Casa da Cultura, o Chanfaina Lab volve ser actualidade co inicio das proxeccións virtuais das curtas que compoñen o proxecto a través de falamedesansadurnino.org. Desde hoxe e durante os próximos 20 venres irase subindo a youtube cada unha das proxeccións. A primeira é “Café-bar Santos, perruquería”, realizada por Sonia Méndez neste establecemento fundado hai máis de 40 anos.
Esta é a primeira aproximación ao xénero documental da polifacética actriz, directora e guionista do audiovisual galego, gañadora dos Mestre Mateo coa curta “Conversas cunha muller morta” e coa serie en liña “Angélica e Roberta”.
Sonia Méndez -que dirixe na actualidade o festival internacional de webseries Carballo Interplay- gravou o seu filme no popular establecemento fundado por José María Santos, inspirada pola estética e a peculiar atmósfera que intuíu neste espazo singular.
Dos case 120 minutos de gravación editou esta peza que plasma con mestría o universo presente e pasado -e un tanto cunqueiriano- do “Café-bar Santos peluquería” valéndose da narración de Juan Santos e da impagable chispa do seu pai Pepe. A peza percorre sen présa as estancias da barbeiría, do bar e da perruquería deténdose en cada unha delas para explorar os sons e detalles nos que nunca reparamos malia ter estado alí centos de veces.
Méndez coloca a cámara estratexicamente e gorécese á mantenta detrás dela para interferir o menos posible nesta auténtica reflexión sobre o paso do tempo e o cambio dos tempos. Unha ollada protagonizada polo espazo e por persoas que, aínda non dicindo nada, contan moito desa esencia case de realismo máxico que desprende o que todos e todas coñeceremos sempre como “O barbeiro”.
Con “Café-bar Santos peluquería” arranca a difusión nas redes sociais do proxecto Chanfaina “Lab, no que participaron unha vintena de creadores e creadoras do noso audiovisual. O próximo venres tocaralle á peza “Quen gravou en San Sadurniño?” de Guillermo Arias-Carbajal, e así sucesivamente cada semana ata completar a estrea virtual de todas as curtas do proxecto. Un consello: quen teña un televisor dos novos con conexión a internet, que aproveite as súas prestacións para ver nel as curtas. Non é igual que o cine pero sempre é mellor que ver as pezas no ordenador.
Porén, esta non será a única forma de acceder ás creacións. O Concello ten previsto facer pases de todas as curtas para o alumnado de 3º e 4º da ESO do CPI e, ademais, tamén ofrece a posibilidade de que se proxecten nos distintos locais sociais do territorio. De feito, as entidades que queiran levar o cine alternativo á súa parroquia deberán contactar co departamento de Cultura ou ben coa Rede CeMIT para programar os pases.
Por outra banda, o máis seguro é que moitos dos autores e autoras participantes movan as curtas en festivas e certames, de forma que a súa particular mirada sobre San Sadurniño se converta nun elemento máis de promoción do territorio.











