Brión tramitará os cambios de domicilio nos rexistros de condutores e de vehículos da DXT

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBrión
A-
A+

O alcalde de Brión, Xosé Luís García, e a xefa provincial de Tráfico de A Coruña, María Victoria Gómez Dobarro, asinaron esta maña dous convenios de colaboración en materia de tráfico e de seguridade viaria. “Ademais de colaborar para mellorar a seguridade viaria en Brión, o principal beneficio para os nosos veciños é que non terán que desprazarse ata a oficina local de Tráfico de Santiago para tramitar o cambio de domicilio tanto no Rexistro de Condutores como no Rexistro de Vehículos da Dirección Xeral de Tráfico. Bastará con que se acheguen polo Concello”, explica Xosé Luís García.

Deste xeito, os veciños e veciñas de Brión que precisen facer este cambio só terán que presentar a súa solicitude diante do Concello de Brión, na que se identifica como posuidor do vehículo e presentar o seu DNI. O Concello de Brión enviará por correo electrónico a solicitude á Oficina Local de Tráfico de Santiago de Compostela, que anotará nos rexistros correspondentes os cambios de domicilio. Como non é preciso expedir un novo permiso de condución, o veciño poderá seguir circulando co seu permiso actual, aínda que teña o domicilio antigo.

Comisión de seguimento

Isto será posible grazas á adhesión do Concello de Brión ao convenio de colaboración subscrito entre a Xefatura Central de Tráfico e a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) en materia de seguridade viaria. Un convenio que permitirá o acceso de ambas entidades aos rexistros de datos. Así mesmo, subscribiuse un segundo acordo polo cal o Concello de Brión podería solicitar a cesión temporal dos vehículos e equipos medidores (etilómetros, cinemómetros, medidores de potencia…) para realizar algunha acción de seguridade viaria no municipio.

Así mesmo, Xosé Luís García e María Victoria Gómez asinaron a constitución dunha comisión de seguimento deste convenio bilateral, que se reunirá semestralmente e da que formarán parte o subxefe provincial de Tráfico, Ángel Álvarez Martínez; a xefa de Sección de Tráfico, Rosa María Mourelle; o xefe da Policía Local de Brión, Marcos Delgado; e o funcionario do Concello de Brión encargado de facer estes trámites, Javier Vidal.

26 de xaneiro de 2015 | 18:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.