Borja Golán será o novo deportista galego homenaxeado polo Rio Natura Monbus Obradoiro
O Rio Natura Monbus Obradoiro recibirá este fin de semana ao Herbalife Gran Canaria no Fontes do Sar (sábado, 20.00 horas), unha cita ante os de Aíto García Reneses, que os afeccionados galegos ao baloncesto non se quererán perder.
Un dos asistentes de honra a este encontro será Borja Golán, o xogador santiagués de squash denominado mellor xogador español da historia do seu deporte e que ocupa actualmente a décimosegunda posición no ranking mundial da competición.
O compostelán unirase así a outras figuras do deporte galego que xa gozaron do “Miudiño” dende o palco presidencial do Fontes do Sar, como Pedro Nimo, Verónica Boquete ou os irmáns Vallejo.
Antes da homenaxe en pista ao deportista e do comezo do encontro, os afeccionados poderán gozar no vestíbulo de entrada principal dunha exposición fotográfica da asociación de concellos Área Santiago, así como participar no sorteo de dúas cestas valoradas en 250 euros cada unha de produtos gastronómicos, cortesía da mesma asociación. Para poder levarse unha delas só será necesario adquirir rifas no vestíbulo de entrada cun custo de 2 euros. No descanso do partido realizarase o sorteo e darase a coñecer o nome dos gañadores.











