Besteiro afirma que a saída de Áurea Soto “nin agudiza nin deixa de agudizar” a crise do PSOE de Ourense
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, negou este mércores que a dimisión da concelleira en Ourense Áurea Soto agrave a crise da súa formación na cidade. “Nin agudiza nin deixa de agudizar. É a resposta clara dun partido serio e responsable”, resolveu.
Deste modo, referiu que o PSdeG deu cumprimento ao código ético, polo que todo cargo público ou orgánico debe dimitir antes de sentar no banco dos acusados. No caso de Soto, está pendente de xuízo por un suposto delito de prevaricación urbanística.
Sen querer entrar en se o caso responde a unha vinganza contra a edila, limitouse a reivindicado que o PSdeG ten “un criterio de actuación” e que está a “dar un bo exemplo”. “O código afecta a todos e aplícase de forma clara”, manifestou.
Dito isto, contrastou Besteiro o comportamento dos socialistas co doutras formacións. Así, indicou que o PP obra “unhas veces dunha forma e outras doutra”; mentres que outros partidos que “presumen” de que teñen un criterio de actuación, “miran para outro lado” cando lles afecta e se “xustifican” na existencia dunha “persecución”.











