Benestar apoiou con máis de 260.000 euros a Cáritas Santiago en diferentes liñas de colaboración

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+
Amparo González na entrega de diplomas. Foto: A. Varela

Amparo González na entrega de diplomas. Foto: A. Varela

A Consellería de Traballo e Benestar destinou máis de 260.000 euros en 2014 para o desenvolvemento de diferentes programas por parte de Cáritas Santiago, entre eles, un para fomentar a inclusión no mercado de traballo de 73 persoas en situación ou risco de exclusión social.

A directora xeral de Familia e Inclusión, Amparo González, entregou hoxe os diplomas aos participantes desta iniciativa. Destes, un total de 19 mulleres desenvolveron un curso de camareiras de andares con prácticas en establecementos hoteleiros da cidade; 10 homes e 8 mulleres realizaron unha acción formativa de dependente/caixeiro de supermercado con prácticas en establecementos comerciais de Santiago; 31 homes levaron a cabo un curso de condutor de carretilla con homologación oficial; ademais de que 5 persoas fixeron un curso de obtención do permiso de condución tipo B.

González lembrou que no ano 2014 o departamento autonómico apoiou o labor de Cáritas a través de distintas liñas que inclúen a inclusión, o apoio a familias monoparentais, o concerto de prazas de menores, a cooperación, liñas AFD ou os plans de voluntariado e de Iniciativa Xove.

En total, na lexislatura pasada achegáronse preto de 3,5 millóns de euros aos diferentes programas de Cáritas, que beneficiaron ás cinco dioceses que compoñen Cáritas Galicia (Santiago, Lugo, Mondoñedo-Ferrol, Ourense e Tui-Vigo).

Aposta pola inclusión

Esta iniciativa inscríbese na decidida aposta do Goberno galego por apoiar ás persoas en risco de exclusión. Por iso, en 2015 o orzamento destinado á inclusión medra nun 17,7%, ata os 70 millóns. En concreto, a RISGA conta este ano con 47,7 millóns de euros, un 20 por cento máis en comparación co orzamento inicial de 2014. De cara a este exercicio, cabe destacar tamén o incremento na orde de contratación de perceptores da RISGA, que se puxo en marcha por primeira vez o pasado ano, que aumenta nun 100% ata os 10 millóns de euros.

Este esforzo orzamentario compleméntase con outras actuacións, como a recente aprobación da Estratexia de Inclusión Social de Galicia (EIS) 2014-2020, que conta con 316 actuacións, organizadas ao redor de 8 eixos de transversais e outros tantos de carácter sectorial; a aprobación e incorporación da estratexia dirixida ao colectivo xitano na EIS; ou as axudas, anunciadas en colaboración con La Caixa, para familias con necesidades básicas.

20 de xaneiro de 2015 | 13:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.