Augas de Galicia considera “non apta” a parcela proposta en Montemaior para recibir lodos de depuradora

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA LarachaLocal Portada
A-
A+

O organismo Augas de Galicia vén de emitir un informe no que considera que a parcela da parroquia de Montemaior que se propuxera como posible receptora de produtos de tratamento de lodos de depuradora (PTLD) non é apta para tal fin, como alegara recentemente o Concello da Laracha.

Así o confirmou a Dirección Xeral de Xestión do Dominio Público Hidráulico no escrito oficial remitido ao alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, indicando que para chegar a dita conclusión previamente foi preciso realizar unha análise na que se tiveron en conta posibles afeccións directas ou indirectas que a aplicación dos lodos poderían supoñer sobre o medio hídrico ou sobre os espazos protexidos do Plan Hidrolóxico Galicia-Costa.

A parcela en cuestión sitúase na parroquia de Montemaior, moi preto do límite co termo municipal de Carballo, en concreto na zona coñecida como As Seixiñas. O Concello da Laracha entendía que polo seu emprazamento, nas inmediacións de varios afluentes do río Bradoso, a finca non era apta para recibir os lodos. O informe de Augas de Galicia, por tanto, deu a razón ao goberno local e retirará a parcela da listaxe exposta no Diario Oficial de Galicia (número 229 do 28 de novembro de 2014) pola Dirección xeral de Produción Agropecuaria como posible receptora de PTLD.

O Concello da Laracha deu traslado deste informe de Augas de Galicia ao Concello de Carballo, tamén afectado pola proximidade da citada finca co límite entre ambos termos municipais.

13 de xaneiro de 2015 | 18:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.