Asínase o contrato de obras para a mellora de capa de rodadura no lugar de Nétoma

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballo
A-
A+
Sinatura do contrato

Sinatura do contrato

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, vén de asinar na Casa do Concello con representantes da empresa Construcciones Ponciano Nieto SL o contrato de obras para emprender a “Mellora de capa de rodadura no lugar de Nétoma (Razo)”. O proxecto está incluído no “Plan DTC 93: unha Deputación para todos os concellos” do organismo provincial e o prezo de adxudicación é de 84.032,33 € (IVE incluído), sobre un prezo de adxudicación de 89.196,84 euros.

O prazo de execución previsto é de 3 meses dende a sinatura da acta de replanteo e os responsables da adxudicataria manifestaron a súa intención de comezar os traballos o antes posible, e sempre que as condicións meteorolóxicas sexan favorables. Hoxe luns 12 de xaneiro tamén tivo lugar a primeira sesión da Xunta de Goberno Local do ano 2015. Un dos principais asuntos da orde do día foi a aprobación do Convenio coa Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) para levar a cabo a programación de actuacións no primeiro semestre do ano, incluídos os espectáculos dos programas Venres Culturais e de Primavera enDanza. Así mesmo, aprobáronse os prezos públicos para os espectáculos que teñan lugar no Pazo da Cultura no 2015. Coa finalidade de facilitar a asistencia aos cidadáns pertencentes aos grupos de idade máis desfavorecidos e de potenciar a participación nas citas de mozos e mozas, os prezos reducidos establécense así, para estudantes con carné de estudantes, maiores de 65 e menores de 12 anos: para un prezo ordinario de 3€ o reducido será de 2€; para un de 4€ o reducido será de 3€; e para un de 5€, o reducido será de 3,5€.

Aprobáronse así mesmo os premios do Concurso de Escaparatismo de Nadal que gañou Mar de Encontros con 1.000€; D’Fiesta quedou segundo con 500€; e Maiela Artesanía terceiro con 250€. Fóra da orde do día, a sesión incluíu a aprobación do gasto correspondente coa Cabalgata de Reis de 2015 a través do convenio coa Asociación Xuvenil Fogar da Xuventude, do que tamén se dou conta durante a sesión, así como do gasto para o financiamento da programación do primeiro semestre correspondente coa Agadic (Rede Galega de Teatros e Auditorios). Por último, recibiu luz verde o programa de actividades dos Venres Culturais 2015. Entre os asuntos de trámite, a sesión supuxo a transmisión dunha licenza municipal de taxi e a autorización para un vao permanente na rúa Baixa.

12 de xaneiro de 2015 | 17:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.