publicidade hoxe

As viaxes e o mundo de Roald Dahl protagonizan o Programa de Animación á Lectura de Oroso

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOroso
A-
A+

O Concello de Oroso ten programado un inicio de ano moi viaxeiro no seu Programa de Animación á Lectura, unha iniciativa dirixida a nenos e nenas de entre 3 e 12 anos que inclúe contacontos, club de lectura e obradoiros creativos. Un programa de participación totalmente gratuíta, se ben é necesario anotarse previamente na Biblioteca Municipal de Oroso ou no teléfono 981 690 903.

Así, a Aula Infantil da Biblioteca Municipal de Oroso acollerá os sábados 17, 24 e 31 de agosto unha serie de contacontos coa temática común “Unha volta ao mundo en contos”, dirixido a nenos e nenas de 3 a 9 anos que viaxarán a outros países e culturas a través dos seus contos tradicionais. A cita é ás 11:00 horas e os menores de 4 anos deberán estar acompañados por un adulto.

Club de lectura

Para o próximo venres 23 de xaneiro, a Biblioteca Municipal de Oroso acollerá unha nova reunión do Club de Lectura, no que participan rapaces e rapazas de 8 a 12 anos. Trátase dun xeito diferente de fomentar a lectura entre os pequenos e pequenas, a través de xogos, enigmas, novas tecnoloxías e moitos retos e probas que os pequenos teñen que superar. Se o pasado mes de decembro o gran protagonista foi “Charlie e a fábrica de chocolate”, de Roald Dahl, nesta ocasión o protagonista volverá ser o autor noruegués e algún dos moitos libros que publicou. Neste caso, a cita será o venres 23 de xaneiro, ás 18:00 horas.

Finalmente, a temática das viaxes retomarase na “Rebotica dos contos”, un obradoiro dirixido a nenos e nenas de 4 a 12 anos que busca achegalos ao mundo da literatura a través de actividades de creación literaria e artística. A cita deste mes terá lugar o venres 30 de xaneiro, ás 18:00 horas, na biblioteca municipal de Oroso e incluirá unha particular viaxe en tren polo mundo enteiro.

15 de xaneiro de 2015 | 19:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.