As paisaxes realistas do pintor Xulio García Rivas expóñense no Pazo da Cultura

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballo
A-
A+

Treboadas da Costa da Morte, ondas do Orzán, ríos con bambús, nimbos ou xardíns inspiran os cadros que o pintor Xulio García Rivas expón até o 1 de marzo na sala Alberto Gende do terceiro andar do Pazo da Cultura. Licenciado en Belas Artes e na actualidade profesor de debuxo no IES Alfredo Brañas de Carballo, García Rivas manifestou no acto de inauguración da mostra a vontade de “realismo” que reside nas súas obras, unha “realidade de fondo”, xa que “a realidade da obra de arte é moi superior á súa representación” e nela podemos atopar “misterio, maxia, paixón…”. Tamén quixo resumir o seu obxectivo como pintor de paisaxes cunha cita do artista do romanticismo alemán, Caspar David Friedrich (1774-1840): “…a tarefa do pintor de paisaxes non é a fiel representación do aire, a auga, as pedras e as árbores, senón que é a súa alma e o seu sentimento o que ten que reflectirse”. Respecto da traxectoria de García Rivas, ten realizado numerosas exposicións individuais e colectivas por toda Galicia e conta con obras nas coleccións das Deputacións da Coruña e Pontevedra, da Irmandade Galega de Caracas, de Afundación, da Casa de Galicia en Madrid, da Fundación Caja Madrid ou da Xunta de Galicia. Todos os traballos que presenta na mostra están realizados sobre papel, de gran formato os acrílicos e de formato menor as acuarelas. Nas súas propostas a abstracción e a figuración non son conceptos opostos, senón que proceden da realidade profunda da arte que é a súa linguaxe. 

No acto de inauguración estiveron presentes, ademais do propio artista, Milagros Lantes, Tenente de Alcalde de Carballo; Mar Eirís, Concelleira de Cultura; Francisco X. Fernández Naval, poeta galego; e Salvador Corroto Tudela, de Atlántica Centro Arte. Este último quixo gabar o traballo de García Rivas, que cualificou de “incrible”, xa que logra “plasmar sentimentos” nos seus cadros, ademais de ser “un dos poucos artistas galegos que traballa tan ben a luz”. Fernández Naval foi o encargado de ler tres dos poemas que serven para ilustrar as obras do artista, comezando polo titulado “No mar azul e incandescente” de Antonio García Teijeiro; seguindo cun de Eva Veiga; e rematando cun escrito polo propio Fernández Naval e titulado “Son”. O breve acto contou coa presenza de numerosos compañeiros e alumnos do artista no IES Alfredo Brañas, así como de representantes do tecido asociativo da vila e público en xeral. A mostra poderá visitarse até o 1 de marzo de luns a domingo de 18.00 a 21.00 horas.

30 de xaneiro de 2015 | 19:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.