As obras do parque Adolfo Suárez supoñen a reforma integral de Visma

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+
Carlos Negreira na visita ás obras

Carlos Negreira na visita ás obras

O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, visitou esta mañá o inicio das obras do parque Adolfo Suárez, un proxecto que permite “completar unha serie de equipamentos e servizos públicos entre San Pedro de Visma e Agra do Orzán por máis de 11 millóns de euros”. En total, proxectáronse a urbanización de 100.000 metros cadrados, dos que 70.000 se dedicarán a este novo espazo verde.

“O proxecto responde ás demandas dos cidadáns de dispoñer de novos espazos verdes, así como de contar con campos de fútbol, un lago artificial, sendeiros e cunha maior accesibilidade a través de tres novos viais. O parque será unha referencia non só para o barrio de Visma, senón que tamén para Os Rosales, Labañou, Agra, O Ventorrillo e Os Mariñeiros”, destacou Carlos Negreira sobre esta “reforma integral” do barrio de Visma na que, segundo adiantou o alcalde, tamén inclúe a dotación de rede de saneamento e a ampliación de viais no ámbito urbano máis próximo ao parque Adolfo Suárez.

Esta nova obra, cun prazo de execución máxima de 9 meses, alcanzará os 70.000 metros cadrados, aos que se suman outros 30.000 para os campos de futbol que constrúe a Federación Galega de Fútbol e para os novos accesos que se executan con motivo de todos estes equipamentos.

Coa creación do parque Adolfo Suárez, o Goberno municipal busca dotar á zona cun espazo lúdico e de recreo, poñendo especial énfase na accesibilidade e a sostenibilidade. Neste sentido, para o deseño da urbanización tivéronse en conta criterios ambientais, de eficiencia enerxética e sostibilidade.

O novo pulmón verde, situado nunha parcela anexa á residencia de Padre Rubinos que xa está en funcionamento, constará de 3 zonas:

– Zona oeste. Sitúanse dous dos accesos: un peonil na parte norte -accesible dende a Estrada dos Fortes- e outro na parte sur, no ámbito da igrexa de Visma, equipado con prazas de aparcadoiro. Contará cun lago artificial alimentado polas escorrentías e mananciais existentes no propio parque, no que se sitúa un muíño de auga. Aproveitando a pendente do terreo, servirá tanto para o uso lúdico coma para a xeración de enerxía de consumo do propio parque.

– Zona central. Inclúe os dous campos de fútbol de herba artificial e os seus vestiarios e o edificio da Federación Galega de Fútbol. Ambas as dúas instalacións dispoñerán de aparcadoiros conectados entre si. A Federación Galega de Fútbol construirá os dous campos de fútbol e a nova sede da entidade, mentres que o Concello poderá dispoñer das instalacións durante polo menos 11 meses ao ano.

– Zona leste. Propoñen sendeiros que percorran o outeiro, fomentando a práctica do deporte. O obxectivo do Goberno municipal é que comunique todos os equipamentos deportivos e espazos verdes desta zona cos seus arredores.

O parque de Visma dispoñerá ademais de dúas áreas de aparcadoiro. En total, 61 prazas, das cales 2 se destinan a persoas con mobilidade reducida. Esta zona de estacionamento compleméntase coas 83 prazas dispostas na intervención para a construción dos campos de fútbol na mesma parcela. Tamén se habilitarán 360 prazas de aparcadoiro de bicicletas, distribuídas arredor das entradas ao parque.

CONVENIOS DE COLABORACIÓN

A creación deste novo pulmón verde da cidade adxudicouse por 2.219.140 euros, o que supón un aforro do 26% con respecto ao presuposto de licitación, fixado en 3 millóns de euros. A obra está financiada pola Fundación Amancio Ortega a través dunha doazón, en virtude do convenio para a nova residencia de Padre Rubinos -asinado por Concello, Fundación Amancio Ortega e a Institución Benéfico Social Padre Rubinos-.

O alcalde agradeceu tanto a colaboración da Fundación Amancio Ortega na creación deste parque como da Federación Galega de Fútbol na construción dos dous campos -dos que gozarán máis de 5.000 nenas e nenos da cidade- e da súa propia sede. “Non tiven ningunha dúbida sobre a construción da nova sede da Federación Galega de Fútbol, nada que me faga pensar que non se vai cumprir o convenio asinado” explicou Carlos Negreira.

O alcalde destacou que a execución de todos estes proxectos en San Pedro de Visma supoñerán “un antes e un despois” para o barrio. O investimento global supera os 11 millóns de euros, un presuposto que supera os 30 millóns de euros se se suman as novas instalacións de Padre Rubinos na zona.

21 de xaneiro de 2015 | 13:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.