As obras do aparcamento disuasorio de Pontepedriña son licitadas por máis de 840.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia (DOG) licita hoxe as obras para o futuro aparcamento disuasorio de Pontepedriña, no Concello de Santiago, por un importe de algo máis de 840.000 euros. Este foi o compromiso anunciado pola conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, durante a sinatura do convenio de colaboración polo que se executarán estas obras e que consistirán no acondicionamento dun espazo non urbanizado nesta zona para destinalo a aparcadoiro.

A nova infraestrutura contará cunha situación privilexiada, que incidirá na accesibilidade dos cidadáns, xa que a parcela situase baixo o viaduto do ferrocarril, moi próxima á estación do tren e nas inmediacións do nó de Cornes, entre a SC-20 e a glorieta de Galuresa, polo que conta cunha boa conexión coa rede viaria e ferroviaria de Santiago. Trátase dun espazo que xa estaba a ser utilizado de forma habitual coma aparcadoiro, aínda que de forma non regulada.

O aparcadoiro estará formado por dúas zonas diferenciadas, separadas pola rúa escultor Camilo Otero e disporá de 184 prazas para vehículos (5 delas serán prazas reservadas a persoas de mobilidade reducida), ás cales se engaden 26 prazas para motocicletas.

A actuación compleméntase co acondicionamento da parada de bus situada na rúa de Amor Rubial baixo o viaduto do ADIF, que irá acompañada cun aumento do largo da beirarrúa na zona de parada, e a mellora da iluminación da contorna, coa finalidade de potenciar no posible a mobilidade e a utilización de medios de transporte colectivos.

Esta actuación está encamiñada a solucionar un dos problemas máis significativos da capital compostelá, como é a falta de espazo para aparcar e a intensidade de tráfico, con esta solución liberarase de vehículos particulares as rúas da cidade, logrando unha mellor mobilidade e facilitando así que os cidadáns se movan no transporte público.

Ao mesmo tempo, esta instalación tamén producirá unha mellora das condicións de mobilidade e accesibilidade das persoas ao promover infraestruturas que faciliten o intercambio entre modos de transporte e potencien a utilización de medios de transporte públicos e os desprazamentos menos contaminantes, co que se logra un beneficio na calidade de vida da cidadanía, con contornas urbanas seguras e mellor integradas co ambiente.

As empresas interesadas en participar neste contrato de obra pública dispoñen de 26 días hábiles despois da publicación no Dog para presentar as súas ofertas a este proxecto.

5 de xaneiro de 2015 | 12:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.