As obras de mellora da ponte Julián en Redondela rematarán na primavera

Ethel Vázquez na visita a Redondela
As obras de mellora que se están a acometer na ponte Julián sobre o río Alvedosa en Redondela rematarán esta mesma primavera. A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, adiantoulle este prazo ao alcalde de Redondela, Javier Bas Corugeira, no transcurso dunha visita institucional a este concello.
Vázquez Mourelle recordou que as obras de ampliación da estrutura e beirarrúa da estrada Redondela-Forzáns (PO-250) teñen por obxectivo dotar esta estrada autonómica da anchura adecuada, polo que contará con dous carrís de 3,50 metros para a circulación de vehículos e unha beirarrúa nunha das marxes para a circulación dos peóns.
A actuación, na que a Axencia Galega de Infraestruturas inviste 150.000 euros, busca mellorar a seguridade viaria desta estrada autonómica, xa que lle permitirá aos peóns circular por esta zona e cruzar o río con garantías de seguridade.
A conselleira de Medio Ambiente salientou que a execución desta actuación responde a unha demanda solicitada no seu día polo Concello de Redondela, e que é unha mostra dos beneficios de establecer canles de colaboración.
Depuradora de Redondela
Outro dos asuntos sobre os que xirou a reunión celebrada entre a conselleira e o alcalde foron as obras para a eliminación de olores e integración paisaxística da depuradora de Redondela, sobre as que a titular de Medio Ambiente avanzou que os traballos se iniciarán ao longo do mes de xaneiro e nas que a Xunta inviste 170.000 euros.
Esta actuación consiste na instalación dun peche vexetal de bambú e no acondicionamento do edifico de deshidratación de lodos, o espesador de lodos e o pozo de grosos. O obxectivo é mellorar a calidade visual no contorno da depuradora e reducir o impacto da instalación para mellorar a súa integración urbana.
A conselleira destacou que estes dous proxectos dan resposta ás necesidade dos 30.000 habitantes do Concello de Redondela: mellorando a súa seguridade viaria, ao ofrecer maiores garantías de seguridade a vehículos e peóns; e mellorando a súa calidade de vida, coa mellora da depuradora.











