publicidade hoxe

As obras de construción do novo CEIP de Oleiros suporá un investimento de 4 millóns de euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal PortadaOleiros
A-
A+
Xesús Vázquez na visita ás obras do CEIP de Oleiros

Xesús Vázquez na visita ás obras do CEIP de Oleiros

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, comprobou esta mañá o avance das obras de construción do novo CEIP de Oleiros, na que o seu departamento inviste preto de 4 millóns de euros, dos cales máis 3,7 millóns destínanse para a obra e o resto para dotación e mobiliario do centro. O conselleiro salientou o bo ritmo ao que marchan os traballos, “de feito, xa está erixida a totalidade da estrutura do centro, polo que podemos dicir que o novo colexio poderá abrir as súas portas no vindeiro curso 2015/2016, tal e como quedara comprometido”.

O novo CEIP de Oleiros terá capacidade para 450 alumnas e alumnos, ao dispor de 6 aulas de educación infantil e 12 aulas de primaria. Ademais estará dotado de dúas aulas de informática, catro aulas de pequeno grupo, e outra polivalente, así como de biblioteca, ximnasio, vestiarios, aseos, unha sala de profesores, sala de ANPA e comedor. Asemade contará cunha zona administrativa e servizos comúns.

Neste contexto o conselleiro quixo lembrar o forte investimento en novas infraestruturas educativas que o seu departamento está a realizar na cidade herculina e na súa área de influencia. “Este curso inaugurouse o novo aulario do CEIP Vales Vilamarín, en Betanzos, e acabamos de rematar a ampliación do CEIP Sada y sus Contornos, así como a do CEIP Emilia Pardo Bazán, na Coruña. Así mesmo, a maiores deste CEIP, temos xa en marcha a construción dos IES de Carral e de Culleredo. Estamos a falar dun investimento de máis de 17,1 millóns de euros que pon de manifesto o noso compromiso coa comunidade educativa destes concellos”.

Durante o seu percorrido pola obra o conselleiro estivo acompañado polo secretario xeral técnico da Consellería, Jesús Oitavén; pola delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo; e polo alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane.

2 de xaneiro de 2015 | 13:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.