As obras de clausura dun vertedoiro de residuos da construción na Guarda son licitadas por 150.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA GuardaLocal PortadaPontevedra
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución pola que se anuncia a licitación para a contratación de obras de adecuación e clausura dun vertedoiro de residuos da construción e demolición no concello da Guarda, no marco do programa operativo Feder Galicia 2007 -2013.

O prazo proxectado para a execución das obras é de tres meses computables a partir da adxudicación e subscrición do correspondente contrato de obra e o o seu orzamento xeral, segundo proxecto, ascende a preto de 150.000 euros, IVE incluído. As empresas interesadas en levar a cabo este proxecto poden presentar as súas ofertas ata o 9 de febreiro.

O vertedoiro de residuos de construción e demolición de A Guarda foi proxectado pola Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia no ano 2002, dentro do Plan para construción de vertedoiros para residuos da construción, co fin de que este tipo de residuos recibise o tratamento adecuado desde o punto de vista ambiental, finalizando as obras o en novembro de 2003.

O vertedoiro, cun vaso de vertido con capacidade útil de 40.662 m3, foi construído aproveitando o oco deixado por unha antiga canteira de rocas de construción e áridos situada en dúas parcelas arrendadas ao Concello pola Comunidade Veciñal de Montes en Man Común da Guarda, cunha superficie conxunta aproximada de 6.989 m2, accesibles dende a estrada comarcal 550 (A Guarda-Baiona). A instalación rematada foi entregada o 20 de xaneiro de 2004 ao Concello da Guarda, que asumiu a súa xestión chegando a depositar un volume estimado de 36.125 m3 destes residuos inertes, comunmente compostos por restos de sucidade, pedras, formigón, ladrillos, escaiola, grava, etc.

O vertedoiro ficou inactivo dende abril de 2012, motivo polo que xurdiu a necesidade de executar as obras de clausura en condicións de seguridade ambiental conforme á normativa aplicable.

As obras de clausura do vertedoiro proxectadas e licitadas hoxe por conta da CMATI teñen por finalidade acadar a adecuación, clausura e integración paisaxística do antigo vertedoiro co obxectivo prioritario evitar o seu impacto ambiental e paisaxístico así como a súa eventual utilización para a eliminación incontrolada doutros residuos, cos riscos ambientais e de saúde pública asociados.

Para iso, o proxecto redactado por conta da CMATI que serve de base á licitación, inclúe as actuacións necesarias para acadar, non só a clausura do vertedoiro, senón tamén a recuperación do espazo afectado e a súa integración na contorna natural circundante. Para iso, o proxecto contempla, entre outras, as seguintes actuacións xerais:

-Retirada de restos vexetais.
-Reacondicionamento e recolocación de residuos en condicións de estabilidade.
-Recuperación da topografía orixinal do terreo.
-Restauración mediante cobertura de solos.
-Restauración forestal e da cuberta vexetal.
-Integración ambiental e paisaxística.
-Control das augas de escorremento.
-Protección da contorna e control de acesos.

Sen prexuízo da mellora ambiental que se persegue coa execución desta actuación, o proxecto inclúe unha análise dos potenciais impactos derivados da súa execución coma base para a articulación de medidas correctoras e protectoras da poboación, a fauna, a vexetación, os solos, a xeomorfoloxía, as augas, a paisaxe ou o patrimonio cultural, así coma un exhaustivo plan de vixilancia e control ambiental post-clausura que corresponderá xestionar ao Concello da Guarda.

13 de xaneiro de 2015 | 14:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.