As melloras no pavillón de Fexdega comezan polo tellado a vindeira semana

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

O investimento anunciado hai unhas semanas en Fexdega para a execución de diversas melloras nas instalacións e nos seus equipamentos empeza a executarse a próxima semana. Os primeiros traballos serán os da reparación de filtracións do tellado, aos que seguirán o saneamento de dúas das pistas deportivas de caucho en uso e coa adquisición e instalación de dúas novas: unha de madeira e outra de goma.

A lista de melloras comezará polo tellado para resolver os problemas de filtracións de auga que rexistran dentro do pavillón. A empresa Nemesio Ordóñez será a encargada de realizar as obras contratadas por 25.114,63 euros. Os técnicos inspeccionaron esta semana a cuberta e localizaron os puntos polos que filtra a auga, polo que a continuación procederase ao saneamento dos mesmos e á impermeabilización da cuberta. A previsión é que estes traballos comecen a próxima semana, aínda que dependerá das condicións climatolóxicas posto que non se poderá traballar na cuberta si está chovendo.

Eliminación dos bordes combados e inclusión unha lámina illante e amortiguadora

De forma paralela estanse tramitando a renovación das canchas deportivas. A Fundación de Deportes xa remitiu invitación a cinco empresas especializadas en equipamentos deportivos a efectos de que presenten ofertas para o saneamento das dúas pistas de caucho actualmente en uso. Esta actuación é necesaria debido a que coas sucesivas montaxes e desmontaxes das mesmas, os laterais das pranchas de caucho combaron co que non presentan as condicións óptimas para a práctica deportiva. Co saneamento do caucho dispoñible, eliminaranse os bordes levantados e volverán a instalarse as dúas pistas de baloncesto.

A maiores, os traballos inclúen outra mellora consistente na instalación dunha lámina illante e impermeabilizante milímetros de grosor que facilita a adhesión das pranchas de caucho e que aportan maiores prestacións para a práctica deportiva posto que aumenta a capacidade amortiguadora dos impactos.

Por último, os servizos de Contratación están redactando os pregos para sacar a contratación o subministro e montaxe de dúas canchas deportivas novas, unha de madeira e outra de caucho, coas que se renovarán os equipamentos deportivos de Fexdega.

Estas actuacións enmárcanse no programa máis amplo de investimentos que levará a cabo o Padroado de Fexdega nos vindeiros meses co obxecto de potenciar o recinto multiusos de Fexdega para convertelo nun gran centro lúdico-deportivo de ocio e para a celebración de eventos culturais e feirais aproveitando tanto a versatilidade do pavillón interior como das zonas exteriores.

Visitas de clubs e organizadoras de eventos

Para informar os cambios e melloras que se van a efectuar, así como solicitar opinións e dar a coñecer as múltiples e diversas posibilidades que ofrecerá o recinto multiusos de Fexdega coas actuacións que se poñen en marcha tanto no interior do pavillón como nas zonas exteriores, a concelleira de Deportes, Elena Suárez, comezou unha rolda de encontros cos colectivos usuarios das instalacións, tanto clubs deportivos como firmas dedicadas á organización de eventos de todo tipo. Xa foron varias as entidades que pasaron por Fexdega para informarse.

30 de xaneiro de 2015 | 19:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.