publicidade hoxe

As melloras no mercado de Ares permitirán atraer máis clientela e dinamizar as vendas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAres
A-
A+
Sol Vázquez e Belén do Campo na visita ao mercado de Ares

Sol Vázquez e Belén do Campo na visita ao mercado de Ares

A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, e a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visitaron hoxe xunto co alcalde de Ares, Julio Iglesias, a praza de abastos da localidade, que vén de ser modernizada contando cun apoio da Consellería de Economía e Industria de 90.000 euros.

Na visita, Vázquez Abeal sinalou que as reformas realizadas no interior, entre as que se atopan o acondicionamento dos postos e a instalación dunha nova balaustrada, permitirán atraer máis clientela e dinamizar as vendas no mercado de Ares. Neste sentido, a directora xeral de Comercio salientou que as prazas de abastos se configuran como auténticos motores do comercio de proximidade, destacando a colaboración do Goberno galego cos concellos para potenciar os mercados, impulsando unha venda moderna, con novos servizos, ao tempo que se mantén a súa esencia, baseada na calidade, a diversidade, e a atención ao cliente.

Neste sentido, tal e como lembrou Vázquez Abeal, nos últimos seis anos a Xunta ten facilitado a mellora de máis de 80 mercados galegos con apoios por máis de 17 millóns, e para este ano mantén o seu compromiso con 3,3 millóns de euros destinados a colaborar cos concellos neste eido.

A estes apoios súmase o programa para impulsar as asociacións de comerciantes na dinamización dos centros comerciais abertos e prazas de abastos, dotado con 2,2 millóns de euros, cuxa nova convocatoria se publica hoxe no Diario Oficial de Galicia.

A través desta convocatoria de axudas, que se enmarca na estratexia específica do Goberno galego para impulsar o comercio de proximidade como creador de riqueza e emprego e un importante dinamizador das vilas e cidades galegas, apoiaranse diferentes actuacións que permitirán atraer nova clientela ao comercio de proximidade e mellorar os servizos que se ofrecen aos consumidores.

13 de xaneiro de 2015 | 16:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.