As familias numerosas da Laracha teñen dereito a unha redución do 50% no canon da auga
No departamento de servizos sociais do Concello da Laracha as familias numerosas que teñan recoñecida tal condición pola Xunta de Galicia poderá tramitar as súas solicitudes para beneficiarse da dedución do 50% no canon da auga.
Para solicitar dito desconto, deberase presentar o modelo de solicitude debidamente cuberto e cumprir os seguintes requisitos:
– O enderezo para o que se solicita a dedución debe coincidir co enderezo en que se atopa empadroada a unidade familiar.
– No caso de abastecerse a partir da entidade subministradora, o titular do contrato de subministro de auga deberá coincidir con algún dos membros da unidade familiar. Noutro caso, o solicitante deberá acreditar que ten domiciliado o pagamento da factura-recibo de auga en algunha conta bancaria da que sexa titular.
– A dedución na cota por familia numerosa soamente poderá obterse na vivenda principal, sen que poida ser concedida nas restantes vivendas que poida ter calquera dos membros que constitúen a familia numerosa.
A Xunta de Galicia tamén contempla a exención no canon da auga para as unidades de convivencia independentes (persoas que residen nun mesmo domicilio e manteñen vínculo matrimonial, relación estable, adopción, acollemento ou parentesco de consanguinidade) que acrediten estar en situación de exclusión social por ser perceptoras de Risga, pensións non contributivas de discapacidade ou xubilación ou aquelas persoas que teñan un déficit grave de recursos económicos.
Para estes casos os ingresos da unidade familiar non deben superar o importe do IPREM e o titular do contrato do subministro de auga deberá coincidir con algún dos membros da unidade familiar ou acreditar que é o pagador da factura-recibo da auga.











