Artesa Cía estrea no Teatro Colón a proposta ‘Balor na acción dunha cadeira’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaCalendario
A-
A+

O vindeiro venres 6 e sábado 7 de febreiro a compañía Artesa Cía estrea ‘Balor na acción dunha cadeira’, unha proposta arredor da emigración que abre o programa de Residencias Técnicas do Teatro Colón, dentro do que tamén se estreará en marzo Xoga, un espectáculo de danza para nenos da compañía Entremáns.

Balor na acción dunha cadeira’ é un traballo documental a partir da figura do bisavó de Roi Fernández, director da obra. A proposta mestura a ficción coa realidade e a vídeo creación co teatro para achegarnos a historia duns galegos emigrados a New York a comezos do século XX: ‘Eran mariñeiros, fogoneiros que marcharon dunha aldea de Sada en 1910 e no contacto con esa outra cultura comezaron a ter inquedanzas culturais e educativas que os transformaron, e acabaron fundando unha escola laica en Sada’, afirma Roi.

A proposta fala desa transformación a través da intrahistoria, de como os pequenos actos cotiás acaban cambiando a nosa identidade e polo tanto a identidade das xeracións que están por vir. O proceso creativo horizontal, no que ademais do director participaron activamente os actores, basease nos point of view de Anne Bogart, mestra coa que se formou a actriz Laura Villaverde durante a súa estadía en New York. A obra xoga tamén con este paralelismo entre aquela emigración por motivos económicos do bisavó e a que, noventa anos despois, levaría ao seu bisneto á mesma cidade.

Despois dun longo proceso de ensaios e anos de documentación Artesa Cía. estrea esta proposta que o seu director, Roi Fernández, define como ‘unha experiencia de cine en directo na que se mesturan varias capas de narración para contar unha historia que aquí ten uns nomes propios pero que é universal’

Os actores Laura Villaverde, Simón Piñón e Gustavo Fouce falaron da responsabilidade que supón falar e contar a historia de persoas que existiron ‘vai a vir xente a ver a obra que tivo relación cos nosos protagonistas, que se relacionou con eles. Iso é unha gran responsabilidade’, sentencia Gustavo. O equipo agradeceu tamén o apoio que supón estar nun programa de residencia técnica con toda a descarga de traballo que supón e que lle permite ás compañías centrarse no aspecto artístico.

As entradas poden adquirirse a través da páxina web do teatro www.teatrocolon.es, en www.servinova.com. No quiosco da Praza de Ourense, en horario de luns a venres de 9.30 a 13.00 e de 16.30 a 19.30 e tamén na sede do Centro Sociocultural A Fundación, no Cantón Grande 21/23, de luns a sábado, 9.00 a 21.00 horas. Ademais, no despacho de billetes do propio teatro o mesmo día do espectáculo de 12.00 a 14.00 e de 17.00 a peche.

27 de xaneiro de 2015 | 13:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.