APV e Deputación de Pontevedra colaborarán nunha xornada especializada no tráfico de cruceiros

Rolda de prensa na que se anunciou a colaboración entre as dúas entidades
A Autoridade Portuaria de Vigo e a Deputación de Pontevedra colaborarán na organización dunha xornada especializada no tráfico de cruceiros, que terá lugar o próximo 22 de xaneiro no Edificio de Sesións do Porto vigués.
Así o anunciou esta mañá o máximo responsable portuario, Ignacio López-Chaves, e o Vicepresidente da Deputación, José Manuel Figueroa, nunha rolda de prensa conxunta na que ambas as dúas institucións avogaron polo coñecemento do sector co fin de mellorar e manter a posición de Vigo como primeiro porto do Norte de España en pasaxeiros de cruceiro.
Segundo indicou López-Chaves, este curso, dirixido a profesionais da comunidade portuaria, hostalaría, ocio, empresas turísticas, técnicos de turismo, estudantes e calquera profesional que desexe achegarse ao sector e encontrar oportunidades de negocio, ofrecerá unha visión “máis real” da importancia económica do tráfico de cruceiros para a cidade. Impartido por CruisesNews Media Group, compañía especializada na industria de cruceiros, contará coa participación de expertos e profesionais en activo da industria de cruceiros.
Importante esforzo de promoción
Segundo destacou López-Chaves, o Porto realiza un importante esforzo todos os anos na captación deste tráfico, na promoción do porto e do propio destino, que nesta industria forman un tándem case indisoluble. Neste sentido, destacou o investimento, nos últimos anos, de preto de 10 millóns de euros na adecuación das infraestruturas portuarias destinadas ao tráfico de cruceiros, renovando, ademais, un ámbito situado no centro da cidade, tamén para desfrute dos cidadáns de Vigo.
Do mesmo modo, a Autoridade Portuaria visita armadores en EUA e en Europa todos os anos, e mesmo, cando é posible, fai que os decisores das armadoras veñan a visitar Vigo. Acode, ademais, a todas as feiras internacionais do sector, promovendo Vigo nesta industria, e participa nas iniciativas que se realizan dende as asociacións de promoción europeas ás que pertence.
“Dende hai anos, trabállase intensamente dende o punto de vista comercial, e o de hoxe é un paso máis neste sentido, máis orientado cara a dentro, iso si, en vez de cara a fóra. Ao fin e ao cabo, as propias armadoras sosteñen que para elas é fundamental que porto e destino camiñen xuntos, destacou.
Principal medio de entrada
En canto ao tráfico de cruceiros que recibe a cidade, López-Chaves afirmou que as cifras totais reafirman o tráfico de cruceiros como o principal medio de entrada de turismo á cidade. Así, recordou que en 2014 foron máis de 243.000 os visitantes -176.019 pasaxeiros e 67.156 tripulantes- que chegaron a Vigo a través do Porto, o que, un ano máis, alzou a terminal olívica ao primeiro posto do ranking en pasaxeiros de cruceiro de todo o norte e noroeste peninsular, cunha suba do 2,5% respecto a 2013. Segundo destacou, “o Porto é a principal entrada de turistas estranxeiros en Vigo, dos que máis de 100.000 son de nacionalidade británica”.
Máis do 70% queda en Vigo
En canto ás preferencias dos cruceristas que nos visitan, o máximo responsable portuario indicou que “máis do 70% dos cruceristas queda en Vigo” e dentro das excursións, “a súa primeira opción é a propia cidade”, ao tempo que destacou que “o que nos avantaxa respecto a outros destinos é a múltiple variedade de excursións que ofrecemos”.
Por iso, quixo agradecer publicamente a colaboración de expertos en turismo, como a prestada pola Deputación de Pontevedra, a través do Padroado de Turismo Rías Baixas. Unha “aposta persoa de José Manuel Figueroa”, matizou.
Potenciar o destino Rías Baixas
Pola súa banda, o Vicepresidente da Deputación provincial, avogou pola necesidade de potenciar as Rías Baixas como destino turístico de calidade. “Potenciar o turismo, é potenciar os cruceiros”, polo que “a cidade debería de implicarse neste sector, buscando a unidade e a coordinación”, subliñou. “É unha das patas da economía do futuro, por iso seguiremos colaborando co Porto na medida do posible”, asegurou.
Segundo indicou Figueroa, este sector representa o 12% do PIB da provincia de Pontevedra e as Rías Baixas é o 5º destino a nivel España, visitado por máis de 2 millóns de turistas en 2014 e con máis de 4 millóns de pernoctacións rexistradas durante o pasado exercicio, cunha facturación de máis de 2.000 millóns de euros e que dá emprego a máis de 40.000 persoas.











