Apróbanse as contas do Concello de Santiago
O Concello de Santiago deu a aprobación definitiva aos presupostos para 2015 dotados con 102,61 millóns de euros, só cos votos do PP e entre duras críticas de PSOE e BNG, que censuraron unhas contas que “non son sociais” pola súa “maquillaxe contable” e por ser “unha ferramenta de propaganda electoral” para os comicios municipais de maio.
PSOE e BNG votaron en contra dun presuposto que, segundo explicara o alcalde da capital galega, Agustín Hernández, se sitúa en 102,61 millóns, un 1,65 por cento máis que o actual, e alcanza os 104 millóns no consolidado, que inclúe o Auditorio de Galicia e ás sociedades mercantís -Tussa e Incolsa-.
Fronte a iso, o concelleiro de Facenda, Ramón Quiroga, defendeu uns presupostos que, entre outras novidades, inclúen unha renda social denominada “de solidariedade” para familias con todos os seus membros no paro e persoas con pensións non contributivas, cuxa dotación se sitúa en 600.000 euros, e que, ademais, os populares se abren a ampliar se hai dispoñibilidade financeira.
Tamén insistiu en que é a primeira vez “en 20 anos” en que as contas reciben a aprobación nestas datas e esgrimiu que os primeiros presupostos de Hernández, quen relevou a Ángel Currás na Alcaldía tras unha grave crise política municipal, son “sociais, investidores, dinamizadores e plafnificadores da cidade”.
Igualmente, xustificou o rexeitamento ou desestimación ás alegacións presentadas por sindicatos e grupos da oposición, sobre a base de criterios técnicos ou a que resultarían “imposibles” de materializar, unha cuestión que foi moi criticada polos seus rivais políticos, ao entender que os populares “renunciaron” a mellorar as contas no seu proceso de tramitación.











