Apertura do prazo de inscrición para a viaxe á estación de esquí de Leitariegos
A concellería de Participación Cidadá mosense que dirixe a edil Kely Monzón organiza unha excursión a Leitariegos (León) para a mocidade do municipio de Mos durante a fin de semana dos días 20, 21 e 22 de febreiro. Esta viaxe dá resposta ás peticións da mocidade mosense.
A edil responsable desta actividade explicou hoxe que con ela preténdese dende o departamento municipal de Participación Cidadá “facilitar que a xuventude goce da tempada invernal, achegarlle outros deportes que non se poden practicar no Concello de Mos e a oportunidade de vivir uns días diferentes nun entorno distinto; todo isto nun espazo de ocio de calidade e promovendo a participación da xuventude en espazos de ecoturismo”.
Outros dos obxectivos desta iniciativa son favorecer a participación dos mozos/as mosenses, coñecer un medio natural diferente, aproveitar os recursos existentes, favorecer as relacións e as actividades en grupo, promover formas de ocio alternativas e saudables, e adquirir novas experiencias apropiadas á idade dos participantes.
O prazo de inscrición na actividade atópase xa aberto e rematará o vindeiro 9 de febreiro. As prazas serán adxudicadas por orde de entrada da solicitude no Rexistro do Concello ata cubrir o límite total das 55 prazas, sendo necesario conseguir un mínimo de 35 participantes para poder realizarse. A publicación da lista de admitidos farase o 10 de febreiro. O período para efectuar o pago estará comprendido dende o 10 ó 13 de febreiro.
Os prezos da excursións para os participantes serán:
– Modalidade A: Curso esquí, aluguer de equipos, viaxe, pensión completa, seguro de accidentes, 158.10 euros.
– Modalidade B: Aluguer equipos, viaxe, pensión completa, seguro de accidentes, 151.10 euros.
– Modalidade C: Viaxe, pensión completa, seguro de accidentes, 129.10 euros.
– Modalidade D: aluguer de equipos, viaxe, pensión completa, seguro de accidentes, plus material snow board, 176,10 euros. Habería posibilidade de facer curso de snow board sempre que se contase cun mínimo de 10 persoas.
Calquera destas catro modalidades inclúe aloxamento de fin de semana (dúas noites, de venres e sábado, e de sábado a domingo); pensión completa: dúas ceas (venres e sábado), dúas comidas (sábado e domingo), e dous almorzos (sábado e domingo); viaxe en autocar ata o destino e retorno; seguro de accidentes e seguro de viaxe; seguro de accidentes en pista e dous días de remontes (forfait) na estación de Leitariegos.











