Anúlanse as gravacións realizadas na casa do ladrón confeso do Códice
A Sala da Sección Sexta da Audiencia Provincial da Coruña, con sede en Santiago, que xulga a causa polo roubo do Códice Calixtino decidiu anular as gravacións realizadas na casa do ladrón confeso pero rexeitou o resto de peticións efectuadas na primeira xornada por parte da defensa do exelectricista da Catedral, a súa muller e o fillo destes.
Para o tribunal, esta dilixencia é “nula” por “contravir” o “respecto á vida privada no domicilio” do acusado, dado que a lexislación correspondente fai referencia expresa á “non inxerencia da autoridade pública no exercicio deste dereito”.
Así, a sala considera que a instalación de micrófonos na vivenda do exelectricista procesado, José Manuel Fernández Castiñeiras, antes da súa detención é “unha intromisión no dereito á vida privada”, polo que anula a inclusión no procedemento dos resultados destas gravacións, aínda que considera que esta nulidade “non” pode estenderse a outras dilixencias.
Pola contra, a sala rexeitou a petición de nulidade tanto da detención de Fernández Castiñeiras, coma das entradas e rexistros das súas vivendas e propiedades, dado que, no caso de haber algún erro sería relativo a “legalidade ordinaria” e non contra dereitos fundamentais, explicou o presidente do tribunal.
ESPAZO “NON ABERTO”
Na mesma liña, rexeitou a nulidade das gravacións no despacho do administrador da Catedral, dado que se trata dun espazo “non” aberto “de forma xeral ao público” e, en todo caso, corresponde a un elemento de “mera legalidade” e non atentado contra dereitos básicos.
No caso da declaración do acusado fronte ao xuíz instrutor, aínda que o tribunal recoñece que a defensa se queixa “xustificadamente”, afirma que “o ton do interrogatorio non implica que o contido do declarado sexa froito dunha suposta coacción”, dado que, ademais, “estaba presente a defensa do declarante”.
A Sala da Sección Sexta rexeita tamén a solicitude de nulidade de todo o proceso sobre a base de supostos erros de tramitación da recusación do xuíz instrutor facendo mención ao auto previo no que a propia Audiencia se referiu a esta situación, dado que “por requirimento desta Sala se acabou tramitando incidente de recusación e se desestimou”.
NULIDADES
A avogada da defensa, Carmen Ventoso, solicitou o luns, durante a primeira xornada do xuízo, a nulidade de todo o proceso por “vulneración de dereitos” dos seus defendidos e “irregularidades” durante a instrución. A esta petición opuxéronse tanto o Ministerio Fiscal coma a acusación particular.
Entre outras cuestións, Ventoso pediu a nulidade dos rexistros -incluído o que localizou o Códice no Milladoiro- por defectos nos autos e porque non se contou coa presenza dos detidos; das gravacións na Catedral e da primeira declaración xudicial dos acusados, na que Fernández Castiñeiras se inculpou do roubo.
A maiores, criticou duramente a actitude do xuíz instrutor, José Antonio Vázquez Taín, e a actitude “degradante” que deu ao exelectricista durante os interrogatorios, ao tempo que lamentou que os seus defendidos non terían tido “un xuíz imparcial”.
O ladrón confeso do roubo do Códice, José Manuel Fernández Castiñeiras, chegou este martes aos xulgados de Fontiñas ao fío das 9,15 horas para asistir á segunda sesión do xuízo, onde está citado para declarar en calidade de acusado, ao igual que a súa muller e fillo. Acompañado da súa avogada, o exelectricista non quixo facer declaracións aos medios á entrada da sede xudicial.











