Ames, Dodro, Rois e Vedra recibirán máis de 75.000 euros a través das axudas a municipios que se atopan en Rede Natura
Catro concellos das comarcas de Santiago e Sar recibirán 75.670 euros a través das axudas para os municipios que se atopan dentro das zonas de Rede Natura 2000. Así o indicou esta mañá a delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, nunha visita a Vedra, onde analizou co alcalde, Carlos Martínez, o proxecto que se sufragará a través destas achegas e que se comezou a executar hai unhas semanas.
Así, Vedra recibirá 20.000 euros para acometer a limpeza da marxe do río Ulla, na que se retirarán as especies invasoras e as árbores caídas nos últimos meses. O municipio conta con 73,43 hectáreas protexidas das 5.274 que ten o municipio, é dicir, un 1,39% do seu territorio. Nas comarcas de Santiago e Sar, os concellos que recibirán estas achegas contan con 391,31 hectáreas incluídas na área de protección:
Concello
|
Subvención (euros)
|
Proxecto subvencionado
|
Superficie en Rede Natura (hectáreas)
|
Porcentaxe en Rede Natura (%)
|
Ames
|
15.874
|
Conservación dos ecosistemas de ribeira nas marxes do río Sar |
56,03
|
0,70
|
Vedra
|
20.000
|
Eliminación de especies invasoras e limpeza de árbores caídas na marxe do río Ulla |
73,43
|
1,39
|
Dodro
|
19.984
|
Limpeza e restauración dos camiños de acceso aos predios nas parroquias de Imo e Dodro |
250
|
6,93
|
Rois
|
19.812
|
Conservación do sistema natural da ribeira do río Sar |
11,85
|
0,13
|
TOTAL
|
75.670
|
|
391,31
|
|
En toda a provincia da Coruña, 37 concellos serán perceptoras destas axudas, sumando 603.565 euros. Todos teñen unha superficie incluída en Rede Natura menor ao 30% da súa superficie total, agás Cariño e Toques, que contan con entre o 30 e o 60% do seu territorio.
Compromiso co coidado do contorno e a paisaxe
Os proxectos subvencionables a través deste programa irán destinados a tarefas de mellora da paisaxe, como a limpeza, restauración e sinalización de camiños e espazos recreativos; a mantemento das condicións ambientais e a favorecer a recuperación de especies en zonas de Rede Natura 2000; e á recuperación ou restauración de elementos históricos patrimoniais como hórreos, milladoiros, fontes, cabanas ou valos. Neste senso, Do Campo indicou que “a Xunta de Galicia segue a cumprir co seu compromiso de coidar o noso contorno, a nosa paisaxe, porque non só contribúe a preservar a nosa identidade, senón que tamén supón un importante atractivo económico e turístico”.
“Trátase de dar resposta á necesidade de contribuír á biodiversidade e á preservación dos ecosistemas de alto valor natural aumentando o papel dos concellos á hora de levar a cabo este tipo de accións, na súa calidade de entidades xestoras de terras”, engadiu a delegada territorial, quen recordou que o importe da subvención será do 100% do custe do proxecto, cun importe máximo de 20.000 euros por municipio.
O departamento autonómico pretende coa concesión destas axudas non só a recuperación do medio natural senón tamén o fomento da protección dos espazos galegos e a concienciación pola defensa e conservación da natureza e dos seus elementos. Estas subvencións atópanse dentro do orzamento de máis de 1,8 millóns de euros que a Xunta de Galicia destinará a 215 concellos de toda a comunidade incluídos na Rede Natura 2000, que se distribuirán en dúas anualidades: 1,20 millóns de euros para o ano 2014 e 702.000 euros para o 2015, integramente con cargo ao Programa de desenvolvemento rural de Galicia, cunha achega do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) do 75%.
A Rede Natura é, ademais dun instrumento de conservación do medio natural, un referente de sustentabilidade que brinda a oportunidade de aproveitar as vantaxes económicas e sociais que unha xestión adecuada dos espazos naturais pode reportar, ao potenciar aquelas actividades que, sendo compatibles coa conservación da natureza, contribúen á mellora da calidade de vida e ao desenvolvemento do territorio galego.