Alfonso Rueda asegura que o deber do PP é facer a mellor elección para Vigo
O vicepresidente da Xunta e secretario xeral do PPdeG, Alfonso Rueda, subliñou este mércores que “o deber” do seu partido pasa por “facer a mellor elección” para encabezar a candidatura municipal en Vigo “con independencia de quen poida poñerse a disposición en cada momento”.
Así o dixo ao ser preguntado polos xornalistas sobre o ofrecemento do avogado vigués Jorge Conde para ser o candidato do PP á alcaldía da cidade olívica, tal e como publicou o diario ‘La Voz de Galicia’.
Xunto con iso, o número dous do PPdeG explicou que se trata “dun ofrecemento que fixo unha persoa” o pasado mes de marzo, entre “as moitas” que poderían facelo, e que teñen, proseguiu, “todo o dereito do mundo a suxerir que poden ser candidatos”.
CANDIDATOS, EN XANEIRO
Dito isto, e á vista de que a súa formación aínda non deu a coñecer as súas cabezas de cartel para as cidades galegas, ratificou que se presentarán ao longo do presente mes de xaneiro.
Neste punto, acerca de se esa oficialización será antes da Convención Nacional do PP, programada do 23 ao 25, desvinculou ambos os dous actos: “Farémola este mes, con independencia doutros actos a nivel nacional”.
Finalmente, en canto á “inquietude” dos militantes populares no caso concreto de Vigo, Rueda insistiu: “Queremos acertar coa mellor persoa e darémola a coñecer este mes”.
EXPULSIÓN DE PRÍNCIPE
Por outra parte, no referente á expulsión do PSOE do exalcalde de Vigo Carlos González Príncipe, Alfonso Rueda cuestionou que o principal partido da oposición “resolva” deste modo as súas “discrepancias internas”.
“Creo que non é unha boa medida, pero non deixa de ser un problema interno máis do Partido Socialista ca min non podo valorar”, apostilou, partidario de “respectar os procedementos de todos os partidos”.
Ademais, recordou que a suspensión de militancia de Príncipe respondeu á súa decisión de presentalo, na súa condición de vicepresidente da Xunta, nun acto sobre o plan de transporte metropolitano de Vigo.
“O único que fixo foi unha presentación que lle pedín, para falar dun proxecto que é moi importante para Vigo e que, por desgracia, o alcalde actual non o entendeu así e creo que Vigo perdeu unha grande oportunidade”, remachou.











