Alemania, Exipto, Grecia, Italia, Reino Unido e Túnez lideran a exportación de vehículos a través do Porto de Vigo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exteriorLocal PortadaVigo
A-
A+
Vehículos almacenados que se exportan dende o porto de Vigo

Vehículos almacenados que se exportan dende o porto de Vigo

A escasos días para a entrada en servizo do segundo barco que cubrirá a liña marítima entre os Portos de Vigo, Nantes-St. Nazaire, Le Havre e Alxeciras, prevista para a semana do 19 de xaneiro, ademais dos movementos diarios que se producen na dársena olívica, está previsto que, nos próximos días, se embarquen máis dun centenar de autobuses dende Vigo con rumbo a Alxeria. Procedentes de Turquía, estes autobuses serán destinados ao transporte público do país alxeriano, tras ser cargados en Vigo a finais deste mes ou principios do mes de febreiro.

Durante os últimos anos, Vigo liderou o tráfico ro-ro en toda a fachada Atlántica peninsular, dende Sines ata Bilbao. A pesar da recesión que viviu o sector da automoción, ao longo do pasado exercicio na dársena viguesa movéronse máis de 423.000 automóbiles, na súa maioría, de exportación.

Países como Alemaña, Exipto, Grecia, Italia, Reino Unido e Túnez son os destinos onde máis medrou a exportación de vehículos no ano 2014. Destacan especialmente Alemaña, que ao longo do pasado exercicio rexistrou un incremento do +18% respecto ao mesmo período do ano anterior, con máis de 33.000 unidades embarcadas; Exipto, cun espectacular incremento do 82% e máis de 5.300 unidades movidas, todas elas exportadas; Grecia, cunha notable suba do +64% e algo máis de 1.400 unidades; Italia (+32%) e máis de 21.100 automóbiles movidos durante o 2014, case na súa totalidade de exportación; Reino Unido, cunha suba do +37% e preto de 66.000 unidades, fronte ás máis de 48.000 de 2013 ou Túnez (+17%).

En canto ás principais marcas, destacan, unha vez máis, os movementos de firmas como Citröen -aproximadamente un 80% dos vehículos que se moven en Vigo son de Citröen-, seguidos por Ford, Renault, Toyota, Nissan, Mitsubishi ou Volkswagen.

Infraestruturas

A Terminal de Transbordadores do Porto de Vigo dispón de case medio millón de metros cadrados integramente dedicados a este tráfico, con 5 ramplas que, en breve, pasarán a ser seis tras a adxudicación dunha nova rampla móbil flotante que dará servizo á Autoestrada do Mar, de calado e lonxitude tamén sen igual.

Así mesmo, Vigo pon a disposición dos cargadores unha completa armazón de liñas regulares ro-ro dando un servizo loxístico de exportación a múltiples marcas: 10 liñas regulares, 6 en Europa (Mediterráneo e Centro – Norte de Europa) e 4 transoceánicas (América Central e do Sur, así como o continente africano). Trátase dunha mercadoría especialmente importante para Vigo -o seu motor fundamental, xunto á pesca e o sector naval- e de gran valor engadido -en 2013 movéronse automóbiles por un valor de máis de 5.700 millóns de euros- que, no caso da dársena viguesa, conta con máis de medio século de historia.

9 de xaneiro de 2015 | 17:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.