Alberto Díaz e Iván Alonso triunfan na terceira etapa da Regata Río Negro

Iván Alonso na terceira regata
Alberto Díaz e Iván Alonso lograron o triunfo na terceira etapa da Regata Río Negro que se disputa en Arxentina. O primeiro deles lidera a clasificación na categoría K-1 máster e o seu compañeiro de equipo no Kayak Tudense é segundo en K-1 sénior. Aínda restan por disputarse outras tres xornadas, as máis esixentes da competición.
Os 38 quilómetros entre Bocatoma e Choele volveron demostrar a calidade dos dous únicos padexeiros galegos que toman parte na proba. Iván Alonso logrou o triunfo por diante de Horacio Orellana, o seu gran rival. Entre ambos os dous houbo nove segundos de diferenza na chegada. Horacio Orellana mantén unha vantaxe de pouco máis de dous minutos sobre o tudense na clasificación xeral.
Pola súa banda, Alberto Díaz demostrou ser un experto nesta regata. Logrou o seu terceiro triunfo consecutivo. Aínda que tivo que loitar con Claudio Penchulef, ao que superou na meta por catro segundos. O galego é primeiro na xeral e mantén unha vantaxe de sete minutos sobre o seu adversario.
Restan por disputarse tres regatas. Unha delas será unha contra o reloxo e outra sobre unha distancia de 64 quilómetros. Ambas as dúas poden considerarse decisivas para establecer a clasificación final.











