Agustín Hernández reivindica a aprobación das contas de Santiago en tempo e forma
O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, reivindicou este luns que, “despois de 20 anos”, os presupostos da capital galega, dotados con 102,6 millóns para 2015, aprobáronse “en tempo e forma” nos primeiros días do ano, unha cuestión que ligou coa “estabilidade” instalada no Pazo de Raxoi.
Hernández, quen asumiu a Alcaldía este ano despois dunha grave crise política no goberno local, defendeu que, xunto con Santiago, son tres as cidades galegas -en alusión a Ferrol e A Coruña- que se dotaron de contas para poder xestionar “con normalidade”.
O alcalde compostelano vinculou esta pronta aprobación co feito de que haxa “unha maioría estable e seria” de goberno do PP, algo que “non acontece” noutras urbes como -citou- Pontevedra, Lugo ou Vigo.
Preguntado sobre o feito de que os seus antecesores na Alcaldía tampouco axilizasen a aprobación dos presupostos malia contar con igual maioría, replicou que el responde dos seus actos. “Eu respondo do que fago eu e tamén o meu equipo”, incidiu.
Dito isto, repasou as principais liñas das contas, como a renda de solidariedade que contará cunha partida de 600.000 euros, ou as achegas para o desenvolvemento turístico, e incidiu en que este presuposto significa “o maior gasto social e a maior inversión produtiva” do mandato.
En total, sinalou que os 102,6 millóns de euros que o conforman supoñen un 2 por cento máis que en 2014, que “se elevaría ao 8 por cento se se descontan os gastos non produtivos”.
FUNCIÓN PÚBLICA E INTERMODAL
Fronte ás críticas da oposición, Agustín Hernández tamén se mostrou convencido de que estas contas sentan as bases para “recuperar a normalidade” na función pública no Concello. Non en van, aludiu á recuperación da oferta pública de emprego e á potenciación da promoción interna”.
Tamén repasou as medidas fiscais e rexeitou que, como denunciou o voceiro socialista, Francisco Reyes, haxa “escurantismo” ao reservar 3 millóns para a estación intermodal sen que exista un convenio asinado coas outras administracións implicadas -Xunta e Goberno central”.
Ao respecto, sinalou que hai “unha vontade realista” por parte do Executivo autonómico e tamén do Ministerio de Fomento de cumprir con esta infraestrutura, ao tempo que incidiu en que o goberno local debe reservar unha partida para “poder negociar en pé de igualdade” e acometer a parte que lle corresponda da actuación.
“É de responsabilidade que haxa unha dotación prevista”, subliñou, para engadir que o que “non recorda” Reyes é que si hai “un acordo asinado que está vixente” e que “non tivo ningún desenvolvemento” dende 2009″. Por iso, o que se trata de “evitar”, engadiu, é que “se asine outro documento, pasen cinco anos e non haxa ningún tipo de concreción”.
PODEMOS E ‘MAREAS’
Preguntado sobre os movementos como Podemos ou as ‘mareas’ e se teme a incidencia que poderían ter na maioría popular nos próximos comicios de maio, o rexedor replicou que non lle preocupa “nada” que suceda “fóra do PP” ou alleo ao seu ámbito de xestión na Casa do concello.
En todo caso, si advertiu, sobre as reclamacións deste tipo de movementos, que “non é o mesmo pedir que xestionar”. “É moi doado pedir e reclamar, pero non tan doado executar e xestionar; non é o mesmo poder que querer, nin dicir que facer”, sentenciou.
Dito isto, reivindicou que el se dedica a “xestionar”. “Se estivese todo o día a reclamar probablemente estaría noutro partido”, contrapuxo.
MULTAS POR MÚSICA EN DIRECTO
Por outra banda, sobre as multas por música en directo a establecementos do casco histórico, avogou por traballar para achar “un punto de encontro” entre os propietarios dos locais e os veciños que residen nesta zona.
Ao respecto, sinalou que prevé manter un encontro o día 8 coa Asociación de Veciños do Casco Vello e que tamén convocará os propietarios dos locais, co fin de articular “un foro realista” en que atopar “un punto de encontro” entre os intereses de todos.
Iso si, sobre as multas, apuntou que se trata de “trámites administrativos” e que, “se hai unha denuncia ou infracción”, é “obriga” dos empregados públicos proceder a “abrir un expediente”. “Aí o alcalde non ten nada que dicir”, resolveu.











