AFAL facilita prácticas formativas a alumnos da UDC e do Centro Municipal de Emprego de Ferrol
No marco dos convenios de colaboración subscritos coa Universidade de Coruña (UDC) e o Concello de Ferrol, a presidenta de AFAL Ferrolterra, Milagros Prieto, explicou que a asociación facilitará prácticas formativas a alumnos de ambas as dúas institucións. Deste modo, hoxe mesmo incorporábase ao Centro de día Terapéutico de AFAL na rúa Río Castro un alumno do programa INSERTA que promove o Concello de Ferrol a través do Centro Municipal de Emprego.
Ata o próximo 27 de febreiro, formarase na actividade de xerocultor baixo a supervisión do equipo de AFAL. Ademais, o próximo 29 de xaneiro, unha estudante da titulación de Logopedia comezará as súas prácticas no mesmo centro. Neste caso, o período formativo estenderase por espazo de 180 horas, que se completarán o 20 de abril. Tamén baixo a supervisión dos profesionais de AFAL, coñecerá o programa terapéutico da asociación, participará nos talleres vinculados a comunicación e linguaxe, así como nalgunha intervención individual logopédica.
Nesta liña, Milagros Prieto destacou que esta iniciativa se inclúe na aposta de AFAL Ferrolterra como centro de formación. Unha aposta que se mantén dende hai anos e que se traduce tanto neste tipo de accións coma na organización de toda unha programación de cursos formativos para cidadanía, profesionais e familiares de enfermos.











