AEMOS realiza unha doazón de xoguetes aos nenos do municipio de Mos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMos
A-
A+

Chegados a estas datas do Nadal, e como xa vén sendo habitual nos últimos trece anos, a Asociación de Empresarios de Mos (AEMOS) realiza unha doazón de xoguetes ao departamento de Servizos Sociais do Concello de Mos cuxos destinatarios serán os nenos das familias máis necesitadas do municipio.

O presidente de AEMOS, José Mañas, fixo entrega dun lote de máis de 70 regalos, clasificados por idade, á concelleira de Benestar social, Sara Cebreiro, que dende o Concello os farán chegar a estes nenos para que ningún pequeno do municipio quede sen o seu xoguete no día de Reis.

“Formamos parte do tecido social de Mos e é unha honra para nós colaborar e contribuír en accións como esta”, explicaba Mañas, “intentado debuxar un sorriso na cara de cada pequeno, aínda que o mellor sería que non tivésemos que regalalos nada polo mero feito de que as súas familias se encontrasen nunha situación mellor”. Neste sentido, o desexo para este ano novo non é máis que “traballo, para que cada vez sexan menos nenos os que necesiten ser agasallados deste xeito,” sinalaba Mañas.

A pesar da difícil situación económica pola que atravesa a sociedade en xeral, AEMOS continúa co seu compromiso marcado no ano 2002 levando a cabo esta acción solidaria, “porque os nenos non entenden de crise”.

5 de xaneiro de 2015 | 18:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.