Adxudícase a Construcciones Vila Río Miño a reforma da casa da cultura de Vilanova de Arousa para auditorio e multiusos
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra adxudicou, na súa xuntanza de hoxe, a obra de reforma da casa da cultura de Vilanova de Arousa, para convertela en auditorio e multiusos, a Construcciones Vila Río Miño en 1.081.320 euros e un prazo de execución de 6 meses.
A parcela na que se sitúa a actual casa da cultura mide 3.000 m2 e está situada no Esteiro. Foi unha concesión de 1990 para ocupar terreos do Ministerio de Medio Ambiente e legalizar a antiga casa da xuventude que se construíra antes de 1986.
Na actualidade a casa da xuventude alberga un pequeno auditorio, un almacén, despachos e salas de formación nun local obsoleto e sen accesibilidade.
A obra que agora se vai executar consiste en dotar a edificación, no soto, de distribuidor, almacén e cuarto da caldeira; na planta baixa, de auditorio, camerinos, sala de exposicións, vestíbulo, aseos, zonas de circulación e unha zona para a Escola Municipal de Música con aulas de práctica e de formación, todo nunha superficie de 818 m2. Ademais, na planta alta realizarase unha zona administrativa, unha sala de control do auditorio e aulas polivalentes.
A superficie útil de uso sociocultural será de 1.132 m2 e a construída un total de 1.270 m2.