Activistas animalistas concéntranse na Coruña en apoio a 10 compañeiros aos que Servigal reclama 60.000 euros
Activistas animalistas secundaron, dende as 9,30 horas, ante os xulgados da Coruña, unha concentración en apoio a 10 compañeiros aos que Servigal, a empresa concesionaria da lazaría da Coruña, reclama 60.000 euros en concepto de danos e prexuízos tras as súas críticas á xestión deste servizo.
A concentración apoiada por organizacións políticas como Esquerda Unida, Anova, Podemos, AGE ou BNG, foi convocada baixo o lema ‘Defender os animais non é delito’ e con motivo do acto de conciliación convocado para este mércores.
En declaracións, o voceiro de Libera Galicia, Rubén Pérez, un dos dez activistas citados ao acto de conciliación, rexeitou, polo menos no seu caso, a posibilidade de que se chegue a unha conciliación.
“O que reclaman é que rectifiquemos, que asumamos que todo foi falso”, sinalou sobre as súas denuncias respecto ao funcionamento da concesionaria municipal do servizo de recollida de animais.
Rubén Pérez acusou de “intento de mordaza” a reclamación desta concesionaria e reivindicou as súas denuncias no marco “do dereito á crítica a un contrato público”, remarcou.
Ademais, insistiu en que as súas denuncias pasan por reivindicar un cambio “cara a un modelo respectuoso cos animais” e subliñou que os animais que non son adoptados “son sacrificados”. Ao respecto, formulou crear un centro veterinario nas propias instalacións, de titularidade pública, e implantar un programa de voluntariado.











