Actívanse novas liñas de axudas para impulsar a competitividade das pemes da comarca de Vigo
O director do Igape, Javier Aguilera, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, presentaron hoxe en Gondomar as novas liñas de axudas activadas pola Consellería de Economía e Industria, dotadas con 6,5 millóns de euros e destinadas a facilitar os investimentos, a mellora da competitividade e a internacionalización do tecido empresarial galego.
Durante unha xornada técnica desenvolvida en colaboración coa Asociación de Empresarios A Pasaxe, Aguilera salientou que o obxectivo é procurar que tanto os emprendedores como as pemes teñan, desde o primeiro momento, os instrumentos necesarios para impulsar novos proxectos empresariais e contribuír, así, a dar “un impulso definitivo para catalizar a reactivación do tecido produtivo”, reforzando ademais o traballo de cara á consecución da Industria 4.0, que se fixa como obxectivo na Axenda da Competitividade Industrial Galega.
Pola súa parte, Bravo Bosch, subliñou a importancia destes apoios para mellorar “a internacionalización, á innovación e o emprendemento” das empresas galegas, que sinalou como “tres eixos claves para xerar novas posibilidades de futuro” para a economía galega.
Entre as liñas de apoio que se acaban de convocar cómpre salientar as novas bases de axudas para que as pemes poidan renovar os seus equipos produtivos e mellorar, así, a súa competitividade. A liña permitirá mobilizar arredor de 10 millóns de euros en investimentos.
Por outra banda, Economía e Industria activou unha nova convocatoria do programa Galicia Emprende, para emprendedores que queiran poñer en marcha un novo negocio ou consolidalo. Estas axudas compleméntanse, segundo recordou o director do Igape, cos préstamos directos facilitados polo Igape e por Xesgalicia.
Para avanzar na internacionalización das empresas galegas, o Igape activou igualmente axudas para facilitar a contratación de xestores expertos en comercio exterior. E por outra banda, neste mesmo eido, o Instituto vén de convocar os apoios para que as empresas do sector téxtil desenvolvan as súas estratexias de promoción e internacionalización.
A estes programas se lles suma, no eido da formación, unha iniciativa para impulsar o a educación do capital humano a través da cooperación empresarial e o aproveitamento de sinerxías entre varias compañías, no marco de proxectos promovidos por organismos intermedios empresariais, con preferencia para centros tecnolóxicos.
Por último, a estes programas se lles suman as bolsas do programa ReAcciona, que permitirá a 100 novos titulados obter formación práctica especializada colaborando na implantación dos proxectos de mellora que se impulsarán en 2015 en máis de 300 empresas.











