publicidade hoxe

Acebe CCA clausura con éxito a pista de patinaxe sobre xeo en Betanzos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBetanzos
A-
A+

ACEBE CCA clausurou o pasado domingo 11 de xaneiro a pista de patinaxe sobre xeo natural que se instalou o pasado 20 de decembro na céntrica Praza Irmáns García Naveira de Betanzos.

Dende o inicio da actividade preto de 2.500 nenos e adultos gozaron da pista de patinaxe de 200 m² que se inaugurou o pasado 20 de decembro. Segundo a presidenta de ACEBE CCA, Antonia Anido, “a pista de xeo foi todo un éxito de público e ademais supuxo un grande aliciente para visitar Betanzos e o seu comercio durante o período do Nadal”. Engadiu ademais que este proxecto “se fixo posible grazas á suma de moitos esforzos e é necesario agradecer especialmente o apoio da Deputación da Coruña, a través do Plan de Promoción e Dinamización do comercio local, para poder levar a cabo esta actividade ademais da colaboración da Xunta de Galicia e o Concello de Betanzos”.

ACEBE CCA apostou forte por unha iniciativa orientada a atraer visitantes a Betanzos e a facilitar as compras no comercio local intentando deste xeito incentivar as vendas no comercio local. Durante todo o período no que a pista de xeo estivo en funcionamento, os establecementos asociados que colaboraron coa iniciativa repartiron coas compras vales de desconto de 4 euros co que o prezo da entrada á pista de xeo reducíase a 3 euros para os clientes dos socios de ACEBE CCA.

A intención da asociación con esta campaña que une ocio e compras é promover e dinamizar o comercio de proximidade de Betanzos e contribuír a crear un ambiente de compras óptimo na cidade nunha época tan importante para o tecido comercial como é o Nadal.

A iniciativa contou co apoio da Xunta de Galicia, Deputación da Coruña e Concello de Betanzos.

13 de xaneiro de 2015 | 18:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.