A Xunta transfire a prol do Concello de Mugardos unha parcela do dominio público viario
O Consello da Xunta aprobou na súa reunión de hoxe o decreto polo que se aproba o cambio de titularidade dun predio situado nos arredores da rotonda de San Xoán de Piñeiro a prol do Concello de Mugardos.
Este espazo destinarase a aparcamento para a igrexa e o cemiterio da parroquia, xa que non é imprescindible para a explotación do dominio público viario. A dita parcela, cunha superficie de 700 m2, está situada no cruzamento entre a VG-1.2 Vilar de Colo (polígono industrial)- Mugardos e a estrada Cabanas-A Gallada (AC-122).
Este expediente tramitouse ao abeiro dos artigos 8 e 9 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, que establece que os cambios de titularidade das estradas se aprobarán por Decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas e que as estradas autonómicas ou provinciais ou os treitos determinados delas que adquiran a condicións de vías urbanas entregaranse aos concellos polos que discorran.
Por outra parte, a Lei de estradas tamén indica que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.
Correspóndenlle ao Concello de Mugardos, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación das vías, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova Administración titular da estrada. Tamén deberá incorporalo ao seu Plan de estradas.