A Xunta investirá máis de 380.000 euros nas obras de mellora da estación de autobuses da Coruña
A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, visitou hoxe a estación de autobuses da Coruña, na que veñen de iniciarse as obras de mellora das instalacións previstas pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través da Dirección Xeral de Mobilidade. O departamento autonómico destinará un investimento de 383.691 euros a esta actuación, que deberá estar rematada en abril, segundo as previsións dos técnicos.
Segundo explicou Do Campo, que estivo acompañada polo alcalde da cidade, Carlos Negreira, e pola concelleira de Mobilidade, Begoña Freire, os traballos inclúen a instalación de dous ascensores novos, que permitirán enlazar de forma directa a planta principal da estación coas dársenas de saída e de chegada de autobuses. Os elevadores situaranse en dúas estruturas de formigón unidas coa planta principal mediante dúas pasarelas peonís.
Por outra banda, colocaranse dúas novas escaleiras mecánicas que conectarán a planta semisoto coas dúas dársenas. Cabe salientar que actualmente non existen escaleiras mecánicas nesta ubicación, polo que tanto estes elementos como os ascensores suporán un importante beneficio para os usuarios, posto que o obxectivo principal é mellorar a accesibilidade dos pasaxeiros.
Plan Renove das estacións de autobuses
A delegada territorial sinalou que estas obras están enmarcadas dentro do Plan Renove das estacións de autobuses de Galicia. Este programa ten como finalidade engadir valor ás mesmas a través da súa modernización, ao tempo que se mellora o servizo aos usuarios ao potenciar a accesibilidade, a calidade das instalacións e os sistemas de información. Deste xeito, preténdese tamén fomentar o uso do transporte público.
“Tendo en conta que a maioría das estacións da rede galega construíronse entre os anos 70 e 90, faise necesario adaptalas ás novas esixencias normativas de accesibilidade tanto dende o punto de vista dos modos de transporte como dos usuarios”, indicou a máxima representante do Goberno galego na Coruña, quen destacou que na provincia en 2014 xa se actuou tamén nas estacións de Santiago, da Pobra do Caramiñal, de Carballo, Cedeira, Padrón e Noia, nas que en total se investiron preto de 380.000 euros.
Outras actuacións do Concello
O proxecto levado a cabo pola Xunta de Galicia na estación da Coruña ven completar as actuacións previstas polo Concello da Coruña, que nos vindeiros meses contempla un investimento de máis de 700.000 euros, o que eleva o conxunto do orzamento consignado polas dúas administracións por riba do millón de euros.
As obras proxectadas polo goberno local consisten na repavimentación do firme das dársenas para garantir unha mellora no servizo ofrecido aos usuarios e do acceso dos autobuses. O proxecto inclúe a demolición do pavimento e a súa renovación, deseñando unha nova drenaxe do firme para a plataforma e a súa sinalización mediante marcas viarias. Tamén se levará a cabo a reforma funcional das instalacións, con criterios de eficiencias enerxética na iluminación ou a habilitación dunha zona wifi, abriranse novos accesos pola rúa Pérez Ardá e instalaranse novos aparcadoiros para bicicletas e motos.
Neste senso, Do Campo agradeceulle ao alcalde a súa colaboración, ao tratarse de obras que se levarán a cabo nun marco de cooperación e entendemento entre a propia Xunta e o Concello da Coruña. Neste senso, mostrouse disposta a seguir estreitando a colaboración institucional “co obxectivo de seguir mellorando os servizos que se ofrecen aos cidadáns e a resposta ás súas necesidades”. Para iso, a delegada territorial reiteroulle ao rexedor “todo o diálogo e apoio para buscar de xeito coordinado solucións ás demandas dos veciños”.











