A Xunta investirá 800.000 euros na mellora do saneamento de Verín
O O Consello de Goberno da Xunta de Galicia aprobou na súa reunión desta mañá a colaboración técnico-financeira da Xunta de Galicia co Concello de Verín para a execución da obra “actuacións na rede de saneamento de Verín e Polígono de Pazos. Verín (Ourense)”. A Xunta, a través de Augas de Galicia, asumirá o 100% do orzamento previsto para esta actuación, que ascende a 838.796 euros.
A aprobación por parte do Consello da Xunta deste acordo de colaboración constitúe o paso previo á licitación do contrato, que poderá ser publicada nas vindeiras semanas. A actuación, que responde a unha solicitude municipal de colaboración, contará cun prazo de execución de 8 meses.
As obras contidas neste proxecto darán servizo á poboación dos núcleos de Verín, Abedes, Vilela, Caldeliñas e Pazos (pertencentes ao concello de Verín) mais aos residentes en Vilaza, no concello de Monterrei. Ademais, conectarase a rede de saneamento do polígono industrial de Pazos. O proxecto prevé que para o ano horizonte 2038 a rede servirá a unha poboación equivalente superior a 18.3000 habitantes.
O núcleo de Verín atópase nunha zona moi cha, próxima ao río Támega.A rede de saneamento é practicamente unitaria na súa totalidade, e debido á pouca pendente que teñen os colectores e ramais da rede de saneamento e á súa disposición a través do núcleo de Verín, provoca que en época de choivas se produzan continuos desbordamentos e saídas de augas polos pozos de rexistro, sumidoiros e acometidas nos sotos de moitas das vivendas.
Para mellorar a situación, o proxecto prevé a construción dun tanque de tormentas cunha capacidade de 620 m3 nas inmediacións do núcleo de Queizás. Para o alivio das verteduras do tanque de tormentas instalarase unha tubaxe de PVC de 630 mm de diámetro, ata o punto de vertedura no río Támega. Reporase, así mesmo, un tramo da rede de saneamento afectado pola execución do colector de alivio, mediante a instalación dun colector de PVC de 250 mm soterrado e cos seus correspondentes pozos de rexistro en formigón.
Polo que respecta ao polígono de Pazos, as actuacións inclúen a retirada das bombas e cadro eléctrico existentes, ampliación da boca do pozo de entrada e a instalación dun novo colector de bombeo de 250 mm de diámetro. O caudal que se vai a bombear, segundo a memoria de cálculo, é de 23,8 litros por segundo.
Ademais, para a medición e control do bombeo de Vilaza procedente do concello de Monterrei, faise un desvío da rede de bombeo ata a parcela municipal, e nela constrúese unha arqueta para aloxar unha canle, para a medición do caudal de bombeo de augas residuais; unha vez medido, incorpórase á rede por gravidade mediante unha tubaxe de PVC de 400 mm.
A Xunta de Galicia leva a cabo este tipo de colaboracións con entidades locais en materia de obras hidráulico –sanitarias, de acordo coa Lei de augas de Galicia, para facilitar o desenvolmento e a mellora da calidade de vida naqueles concellos que teñen un orzamento insuficiente para financiar este tipo de actuacións necesarias. Ademais, este tipo de actuacións en materia de saneamento axudan no cumprimento da Directiva de augas residuais.











