A Xunta investirá 284.000 euros na mellora dos camiños rurais de Carballo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaCarballo
A-
A+
Belén do Campo na visita a Carballo

Belén do Campo na visita a Carballo

A delegada territorial da Xunta, Belén do Campo, visitou esta tarde o concello de Carballo para supervisar o resultado das obras de acondicionamento de varios camiños rurais deste municipio realizadas ao longo do 2014 e analizar os proxectos previstos para o presente exercicio a través do Plan marco de mellora de camiños rurais de titularidade municipal que ven desenvolvendo a Consellería do Medio Rural e do Mar e que, este ano, estará cofinanciado pola Deputación da Coruña. No encontro, estivo acompañada polo alcalde, Evencio Ferrero, o concelleiro e portavoz do Partido Popular, Miguel Ángel Ferreiro, e polo deputado autonómico Aurelio Núñez.

Así, o municipio contou no programa 2013-2014 cunha achega de 101.579 euros, que serviron para acondicionar máis dunha decena camiños. Deste xeito, actuouse nas parroquias de Rus e Entrecruces nas vías de Vilar de Cima, Petón das Mondas e A Granxa-Bustelo. En Ardaña, pola súa banda, tamén se melloraron os camiños da Capela de Vivente-Esteves, Esteves-O Val, O Val-Esteves, San Mamede-Esteves, A Pena, A Pena-Peniqueira e Baldio de Novi. Por último, reparouse outro camiño en Berdillo. En todos eles, mellorouse a capa de rodadura e a drenaxe e abríronse novas gabias. En total, arranxáronse 3,2 quilómetros de pistas de carácter municipal.

O rexedor tamén lle trasladou á delegada territorial o proxecto que elaborou o concello para continuar con estas actuacións nos vindeiros meses, que incidirá sobre os camiños de Moucho-A Piña, Calvelo de Abaixo-Padreiro e A Braña-Outón, beneficiando aos veciños e veciñas das parroquias de Berdillo, Sofán, Rus e Entrecruces. Os traballos realizaranse en preto de 11 quilómetros de lonxitude. En virtude do convenio asinado entre Medio Rural e a Deputación no último trimestre do pasado ano, o concello recibirá entre 2014 e 2015 unha achega de 182.938 euros, é dicir, un 80% máis que na convocatoria anterior.

O obxectivo fundamental destes fondos é o de levar a cabo actuacións que favorezan o desenvolvemento rural. Segundo salientou a delegada territorial, “con estas iniciativas búscase facilitar os desprazamentos da poboación, co fin de dignificar e mellorar a calidade de vida das persoas que residen nestas zonas e contribuír a arranxar as deficiencias que persisten en determinadas áreas rurais”.

No seu percorrido pola zona, a representante do Goberno galego na provincia tamén subliñou que se trata dunha actuación que se leva a cabo nun marco de cooperación e entendemento entre a propia Xunta, a Deputación e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). Neste senso, mostrouse disposta a seguir estreitando a colaboración institucional “co obxectivo de seguir mellorando os servizos que se ofrecen aos cidadáns e a resposta ás súas necesidades”.

30 de xaneiro de 2015 | 18:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.