A Xunta informa na Estrada sobre o decreto de venda directa de produtos primarios dende as explotacións ao consumidor final

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA EstradaLocal Portada
A-
A+
Patricia Ulloa na Estrada

Patricia Ulloa na Estrada

Os agricultores galegos poden vender directamente unha serie de produtos primarios desde as explotacións á persoa consumidora final, respectando o establecido no Decreto 125/2014, do 4 de setembro, polo que se regula en Galicia a venda directa dos produtos primarios desde as explotacións á persoa consumidora final, publicado no DOG 186, de 30 de setembro, que entrou en vigor o pasado día 20 de outubro. Así o explicou a directora xeral de Produción Agropecuaria, Patricia Ulloa, nunha charla impartida esta tarde na localidade pontevedresa da Estrada.

Patricia Ulloa sinalou que, en virtude desta norma, poderán venderse directamente, nas cantidades máximas establecidas no decreto, os seguintes produtos: mel, pole, própole, xelea real, ovos, froitas e froitos silvestres, legumes e hortalizas, cogomelos e cereais, sempre producidos na explotación da persoa vendedora (agás no caso dos cogomelos silvestres), podendo realizar a venda in situ (na propia explotación produtora), en mercados ou a establecementos de venda polo miúdo.

O decreto establece que só poderán comercializarse en venda directa os produtos producidos na propia explotación do vendedor. A venda poderá realizarse in situ (na explotación produtora), en feiras e mercados locais, directamente polas persoas titulares da explotación ou parentes en primeiro grao que colaboran na actividade agraria ou en establecementos locais de venda polo miúdo ao consumidor final, sempre que a transacción sexa directamente entre o produtor e o establecemento de venda final, sen intermediarios.

Os produtores proporcionarán por medio dunha etiqueta a información alimentaria obrigatoria. No caso de transaccións efectuadas con establecementos locais de venda polo miúdo ao consumidor final, a etiqueta poderá substituírse por un documento comercial no que figure a información preceptiva. No caso de vendas in situ a etiqueta non será necesaria e poderá substituírse pola información oral transmitida polo produtor.

A través deste decreto regúlase tamén, dentro do Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (REAGA), a creación dunha sección específica para inscribir as explotacións acollidas ao réxime de venda directa (SEVEDI), definíndose os requisitos que deberán cumprir os produtos, as formas de venda e as cantidades máximas a comercializar por estas vías.

As explotacións que desexen realizar venda directa deben figurar inscritas no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (REAGA) e comunicar a súa vontade de realizar a venda directa dos seus produtos, sendo entón inscritas de oficio na sección de explotacións acollidas ao réxime de venda directa. As ditas explotacións levarán un rexistro básico no que figuren os datos das vendas.

Con esta regulación preténdese ofrecer unha canle legal axeitada a unha situación xa existente de feito, como é a venda directa (entendida esta como a venda sen intermediarios, ou no seu caso coa participación dun único intermediario minorista) de determinados produtos agrarios dos produtores aos consumidores finais.

A regulación desta práctica realízase sen menoscabo das garantías de seguridade alimentaria que demandan as persoas consumidoras, e está en liña coas actuais orientacións da política agraria da Unión Europea, proclives ao fomento das cadeas curtas de distribución, máis respectuosas co medio (menor impacto da “pegada de carbono”) e favorecedoras do desenvolvemento rural xa que o valor engadido xerado repercute directamente no produtor, e polo tanto, permanece no territorio.

12 de xaneiro de 2015 | 18:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.