A Xunta executou un 60% das obras do Plan Renove de estacións de autobuses

A directora de Mobilidade co alcalde de Santiago na estación compostelá. Foto: X. Crespo
Un 60% das obras de mellora de accesibilidade e información das estacións de autobuses incluídas no Plan Renove da Xunta xa están rematas. Así o manifestou esta mañá a directora xeral de Mobilidade, Helena de Lucas, que – xunto co alcalde de Santiago, Agustín Hernández- supervisou as melloras acometidas na estación de autobuses de Santiago de Compostela, nas que se investiron case 350.000 euros.
Estes traballos están enmarcados dentro do Plan Renove das estacións de autobuses de Galicia, cuxo principal obxectivo é engadir valor a estas instalacións de servizo público, ao mesmo tempo que se mellora a calidade que perciben os usuarios ao potenciar aspectos centrados na accesibilidade, na calidade das instalacións e nos sistemas de información.
Na actualidade, xa se remataron as obras en 13 estacións das 22 que integran este plan: A Pobra do Caramiñal, Carballo, Cedeira, Noia, Padrón, Viveiro, Ribadeo, Mondoñedo, Vilalba, Sarria, O Barco de Valdeorras e Xinzo de Limia, ademais das de Santiago. Ao longo de 2015 se rematarán os traballos que na actualidade se executan nas nove estacións restantes que forman parte deste proxecto.
Mellora da estación compostelá
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, en colaboración co Concello de Santiago, vén de rematar as obras de mellora da estación de autobuses da cidade de Santiago, nas que se investiron preto de 350.000 euros.
Cómpre recordar que a estación de Santiago é unha instalación que foi construída no ano 1971, e era necesario adaptalas ás novas esixencias normativas de accesibilidade tanto dende o punto de vista dos modos de transporte como dos usuarios.
Nese sentido, a mellora consistiu na reconstrución das ramplas de acceso peonil á estación e na construción dunha nova rampla para acceder aos aseos da entreplanta. Todas elas coas súas respectivas varandas e cun pavimento podotáctil no seu inicio.
Ademais, substituíronse as escaleiras mecánicas de acceso dende a entreplanta ás dársenas por outras novas, eliminando os chanzos existentes na súa base e ampliando o foso da maquinaria. Outra mellora executada foi a adaptación das escaleiras fixas que unen a planta principal coa entreplanta.
Tamén se executaron melloras nos ascensores e se pintaron varias prazas de aparcamento para as persoas con mobilidade reducida incluída a colocación de sinal e execución de vado na entrada principal, ademais de apoios isquiáticos nos andéns e pintado dos bancos.
Por último, tamén se cambiou o falso teito dos aseos da planta principal e das lámpadas dos ándéns por outras de maior potencia.
Plan Renove
Coa finalidade de fomentar o uso do transporte público, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas lanzou o Plan Renove das estacións de autobuses de Galicia que contempla a mellora e modernización da rede destas infraestruturas de transporte público por estrada da comunidade autónoma.
O Plan Renove parte dunha auditoría técnica previa efectuada pola Dirección Xeral de Mobilidade a cada unha das estacións de autobuses das que é titular, co obxectivo de avaliar o estado de conservación das instalacións. Neste análise constátase que as deficiencias das estacións de autobuses se deben, con frecuencia, a unha deficiente conservación e mantemento das instalacións.
O plan finánciase con cargo ao Programa Operativo do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), que dentro dos seus obxectivos estratéxicos pretende reforzar o desenvolvemento das infraestruturas ambientais e de transportes.
Na actualidade, Galicia conta cun total de 45 estacións de autobuses, das cales a Xunta de Galicia é a administración titular de 38 estacións











