A vindeira semana comeza o procedemento de adxudicación da xestión da piscina municipal
O Concello da Laracha iniciará a próxima semana o proceso de adxudicación do contrato de xestión, mantemento e explotación do complexo deportivo da piscina municipal cuberta e climatizada da Laracha a unha nova empresa concesionaria.
Hoxe venres rematou o prazo estipulado para a presentación das ofertas e os técnicos municipais teñen previsto convocar para mediados ou finais da semana que vén unha reunión da Mesa de Contratación co obxecto de proceder á apertura das plicas “A” (documentación administrativa) e “B” (criterios técnicos, neste caso referido ao proxecto deportivo e de xestión da instalación).
Unha vez cualificada a documentación dos sobres “A” e “B”, e emendados no seu caso os defectos ou omisións advertidos, o Concello da Laracha estará en disposición de proceder á apertura das plicas coas ofertas, nas que se valorarán aspectos como o abaratamento das tarifas aos aboados, as mellores condicións para o uso especial de estaxes por horas a entidades deportivas e a rebaixa do canon a aboar polo Concello.
Os pregos que rexen este procedemento de licitación indican que o contrato de xestión, mantemento e explotación do complexo deportivo da piscina municipal da Laracha terá unha duración de catro anos non prorrogables e que o canon máximo a aboar polo Concello da Laracha para restablecer o equilibrio económico será de 96.400,34 euros.











